Estrelas do musical

Roberto Taboada

NARÓN

JOSÉ PARDO

Bye Bye Honey abriu a programación teatral no Jofre con honores

08 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A dama do jazz por excelencia, Billie Holiday (Filadelfia, 1915-Nova york 1959), narrou a súa vida nunha autobiografía, Lady sings the blues, alimentando o subxénero literario dos relatos confesionais; onde o pecador amosa os seus vicios e pide perdón por eles. Hollywood fixo unha película -El ocaso de una estrella- do libro edulcorando e recortando moitas partes para evitar as querelas, xa que o relato non era moi fiable, dada a debilidade de Lady Day pola fabulación. Anos máis tarde; recuperando o inmenso traballo de entrevistas a persoas que formaron parte da vida da artista, compúxose unha biografía moito máis axustada a realidade -Con Billie (Global Rhythm, 2006)- nela relátase o sen fin de desgrazas que padeceu dende ben cedo: Nacemento nunha familia humilde destruturada, violada de nena, dedicada a prostitución de moza, consumidora de drogas e alcohol, maltratada polos seus homes, explotada economicamente polos seus amantes... unha historia ben triste.

Cunha biografía próxima en fatalidades -trasladadas a Ferrolterra e a súa realidade dun barrio dependente da construción naval- o autor teatral e director de escena, Jose Prieto (Narón, 1967), escribe e dirixe o espectáculo Bye Bye Honey que o sábado abriu a programación teatral no Jofre con honores; Marta narra a súa historia: Filla de nai afundida, Pai traballador do naval e bébedo, irmán parado e drogadicto, abandono escolar e malas compañías, traballo precario, drogas, prostitución e cunha carreira musical en cernes... unha historia ben triste, se non fora pola habilidade de Prieto ao crear un texto cheo de humor, sarcasmo e sátira con moita música; a peza esta preto dun concerto teatralizado ou unha obra teatral musicada.

A posta en escena é a dun concerto -batería centrada, un baixo a un lado, unha guitarra ao outro, no fondo e diante tres micrófonos de pé e tres banquetas altas- e como tal se desenvolve; entran os músicos Fran Facal, Chechu Mosquera e Ramón Orencio; de seguido os intérpretes: Iolanda Muiños que encarna a Marta, vítima, drogadicta, emancipada, namorada e cantante; César Goldi, desdobrado en pai, Carballo, Raúl e cantante; Carlos Mosquera Mos, autor da música orixinal, irmán drogadicto, cantante melódico, proxeneta e cantante. Comeza o concerto, os temas musicais vanse sucedendo, as letras das cancións van trazando o relato da historia; unhas son orixinais outras son prestadas (Janis Joplin, Rafaela Carrá o María de la O) e oportunamente colocadas. Entre os temas van pasando os anacos da historia, interpretados coa debida contundencia, as veces histriónicos de máis pero moi axeitados ao contexto no que se están a facer. A dramaturxia creada por Prieto fía o traballo con xeito e axilidade, facendo desaparecer a xerarquía entre as partes faladas e as cantadas.

O público, moi numeroso, agradeceu efusivamente os 90 minutos de concerto, pero por riba de todo a solvente interpretación de estrelas do musical; bo exemplo dunha presenza na escena da que moitos artistas carecen.