Poetas, narradores e investigadores fixeron máis grande a cultura galega
28 jun 2021 . Actualizado a las 14:07 h.Golfo Ártabro, chamáballe don Ramón Otero Pedrayo a ese Portus Magnus Artabrorum que tanto admiraron xa os romanos: as terras que envolven as rías de Ferrol, Ares, Betanzos e A Coruña. Un territorio esencialmente literario que, conxuntamente con Santiago de Compostela (cidade coa que as letras do Atlántico estiveron e están en permanente irmandade a través dos grandes tesouros da poesía, do ensaio e da narrativa), deulle a Galicia boa parte das súas plumas máis brillantes. Tesouros da literatura que, a día de hoxe, seguen a agardar -como sinalan estudosos dos máis diversos ámbitos- pola concesión dun Día das Letras Galegas. Ese Día das Letras que se demanda para autores coma o eumés Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957-Barcelona, 2008), de quen o escritor e exministro de Cultura César Antonio Molina lembra que foi «un dos máis grandes poetas galegos» de sempre, ademais de tratarse dun «gran narrador» e un «magnífico memorialista», amén dun «excelente xestor cultural».
Da formidable creación
A César Antonio Molina gustaríalle que a Ramiro Fonte xa se lle tivese dedicado o Día das Letras. Mentres, o poeta, narrador, profesor e tradutor Vicente Araguas cualifica de formidable creación literaria a «triloxía memorialística» do eumés (Os meus ollos, Os ollos da ponte e As pontes no ceo), que sitúa á par dos seus versos. E tamén o poeta e editor Xulio Valcárcel lembra que Fonte fixo da literatura «o norte e fin da súa vida». A «paixón pola escrita» de Ramiro Fonte, remarca Valcárcel, «ocupou as súas horas e os seus breves días», xa que «a súa obra, sendo cumprida e valiosa, ficou dramaticamente interrompida pola súa temperá desaparición». As voces que demandan un Día das Letras para Ramiro Fonte son cada vez máis. E entre elas está a do seu Pontedeume natal, tan querido por el. O poeta, na outra beira do río, segue agardando que ese día chegue. Como agardan, tamén, Miguel González Garcés (A Coruña, 1916-1989) e Ernesto Guerra da Cal (Ferrol, 1911 - Lisboa, 1994).
Na lembranza dos versos, unha nova emoción
Emociónase un pouco César Antonio Molina lembrando a Garcés, do que di que foi «fundamental» para os seus primeiros pasos no mundo da poesía. Como se emociona, tamén, Martinho Montero Santalha ao lamentar o «esquecemento» que envolve o inmenso legado de Ernesto Guerra da Cal. Por certo: Montero pide que a Academia Galega se lembre tamén, algún ano, do trovador Joám Arias, grande poeta medieval como o foi, tamén, Pedro de Ambroa, outro que agarda por un Día das Letras.
Un diálogo aberto entre a creación contemporánea e o magnífico legado da tradición
Desde a creación, a edición e a investigación contemporáneas, intelectuais da importancia de César Antonio Molina, Xulio Valcárcel, Martinho Montero Santalha e Vicente Araguas coinciden á hora de subliñar a extraordinaria transcendencia do legado que atesouran as letras de Galicia. Un legado que, por fortuna, mantén un diálogo absolutamente vivo, e plenamente aberto, coa creación contemporánea e coa tradición. Os grandes escritores, aínda que marchasen ao que nós chamamos morte, sempre están vivos na súa obra. Todos, de Fernando Esquío a Ramiro Fonte e Miguel González Garcés. Deste último, Xulio Valcárcel lembra, por exemplo, que «foi poeta, historiador e antólogo, entre outras moitas cousas», e que a súa obra, «afastada dos circuítos oficiais por razóns extraliterarias», foi «unha vía de apertura cara ás propostas que despois seguiría a poesía galega dos oitenta».
Xosé Crecente Vega, onde cantou Fernando Esquío
Ninguén sabe, a ciencia certa, onde repousan os restos de Fernando Esquío, o magnífico poeta medieval que no medio da noite se pregunta, cando o corazón lle doía, «Que me queres, amor?». Pero son moitos os lectores aos que lles gusta peregrinar, de cando en vez, a lugares como a igrexa de San Nicolás de Neda, ou ao mosteiro de San Martiño de Xuvia, onde outros membros da familia Esquío habitan a eternidade convertidos en cabaleiros de pedra. Para Fernando Esquío demanda sempre un Día das Letras Vicente Araguas. Como o demanda, tamén, o mesmo que Martinho Montero Santalha, para Xosé Crecente Vega (Castro de Rei, 1886-Segovia, 1948), que pasou unha etapa central da súa vida, como párroco, en Santa Rita de Xuvia e en San Xiao de Narón. E que alí (en terras sen dúbida tamén moi cabalgadas, en tempos ben diferentes, por Esquío) cantou, con franciscano espírito, a beleza que habita nas cousas máis humildes da terra.