As mentiras de Navantia

Xaquín García Sinde TRIBUNA

FERROL CIUDAD

23 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As que contan empresa, SEPI e PP. O Tribunal Supremo anulou o cuarto Convenio e restitueu o terceiro. Os convenios teñen rango de lei. Por tanto, incumprir o convenio significa violar a lei. ¡Como para fiarnos de semellante goberno! Os traballadores temos a razón, a xustiza e a lei connosco cando esiximos o cumprimento do convenio. As asimilacións non é o único que se incumpre. Viólanse máis artigos, como o que garante o ingreso na empresa a un fillo ou cónxuxe dos mortos por accidente laboral ou doenza profesional antes dos 65 anos. Pénsese no amianto e verase a súa importancia social. O impago das asimilacións non se debe á conxelación da masa salarial. O cuarto Convenio sustitueu a asimilación pola chamada «garantía de permanencia», que se pagou mentres dito convenio estivo vixente. Se había cartos para a garantía, tamén ten que habelos para as asimilacións. Non as pagan porque non lles peta, en vinganza por lograrmos defender os nosos dereitos. O problema de Navantia non son as condicións laborais dignas, como se quere transmitir á opinión pública. O problema é un modelo de empresa baseado na subcontratación masiva para favorecer intereses privados mediante o parasitismo da empresa pública e a degradación das condicións laborais, sobre todo nas compañías. O afán privatizador chega incluso ó extremo de subcontratar... ¡Mentres se mantén parada á plantilla de Navantia! Gravísimo. O discurso de Navantia-SEPI-PP só é propaganda falaz ó servizo dun plan que busca afondar neste modelo.