Aposta por mellorar a recollida selectiva e a compostaxe en Fene

C. L FENE

FENE

cesar galdo

O Concello incorpora un novo vehículo ao sistema municipal

25 nov 2020 . Actualizado a las 12:59 h.

O Concello de Fene acaba de incorporar un novo vehículo ao sistema municipal de recollida e tratamento do lixo. Trátase dun compactador no que o consistorio investiu preto de 48.000 euros, co obxectivo de axilizar os percorridos diarios pero tamén de reducir os gastos que supuñan as reparacións no camión máis vello, que agora quedará como vehículo de substitución para o caso de que avaríe un dos outros ou por se fixese falla reforzar o servizo en momentos puntuais.

O camión, de segunda man, apenas ten 150.000 quilómetros e un equipo de compactación nun estado excepcional, permitiu aforrar unha importante cantidade de cartos, posto que un vehículo novo destas características e coas mesmas funcionalidades achégase aos 180.000 euros. Outro dos motivos do investimento, asumido integramente con fondos municipais, é a capacidade de prensado e almacenamento de residuos. O camión pode recoller ata 23 metros cúbicos en cada viaxe, de maneira que se reducen os traxectos de baleirado en relación coa distancia percorrida, á vez que se aforra en tempo, combustible e en mantementos. A decisión da compra debeuse tamén aos elevados custes de mantemento dos camións municipais do lixo, porque un deles acusaba o desgaste que o levaba ao taller a cada pouco, e entón había que solicitarlle colaboración a Mugardos para empregar puntualmente un dos seus camións.

O Concello aproveitou a ocasión para estampar no vehículo fotos da Fervenza do Belelle e do Pozo da Serpe, coas mensaxes: «Máis que unha obriga, reciclar é unha necesidade» e «Dálle a oportunidade de ter outra vida!», en alusión a pervivencia de cauces e bosques. Tamén se quere mellorar o sistema de recollida e tratamento reforzando o programa municipal de compostaxe.

Entrega do camión compactador