Andrés Toxeiro, profesor de FP de Cedeira: «Hai balizas V16 á venda que non serven, hai que verificar o código na páxina da DGT»

ANA F. CUBA CEDEIRA / LA VOZ

CEDEIRA

Toxeiro explica nas charlas que imparte pola comarca que visualmente non se distingue cales valen e cales non
Toxeiro explica nas charlas que imparte pola comarca que visualmente non se distingue cales valen e cales non KIKO DELGADO

Este docente cedeirense, experto en automoción, di que hai moitos dispositivos no mercado sen a homologación esixida

29 dic 2025 . Actualizado a las 12:02 h.

De estudante, Andrés Toxeiro (Cedeira, 1960) traballou en talleres mecánicos e na construción. Profesor de Formación Profesional, da familia de mantemento industrial, formouse nas antigas escolas de aprendices de Bazán, en Ferrol, e con 19 anos xa compatibilizaba a docencia co traballo no estaleiro. Leva impartido cursos en moitos centros sobre temáticas diversas, moitas vinculadas á automoción. «Din que son moi polivalente, pois coñezo un pouco o axuste, o mecanizado, o control numérico computarizado, a hidráulica, a pneumática, a soldadura... son como un médico do rural, sabe un pouco de todo, e nada», resume. Leva unhas semanas impartindo charlas por Ortegal e Ferrolterra sobre as balizas V16, da man do taller DT Autopro, que dirixe o seu fillo David en Ortigueira.

—Por que decidiu dar as charlas?

—O descoñecemento xeral sobre o tema era moi palpable… É máis, apreciábase facilmente moita confusión (aínda a segue habendo): un afirma unha cousa, e outro a contraria. Tamén atopas cantidade de condutores convencidos de que a V16 chama a Tráfico inmediatamente. Por outro lado, David (CEO do taller) e máis eu levamos tempo impartindo charlas sobre a importancia dos pneumáticos en diversos foros. Os dous somos grandes defensores da formación.

—Pero información hai...

—En internet hai demasiada. Tiña que ser menos e mellor, de aí a confusión [...]. Nós coñecemos o tema ben, aínda que este pequeno compoñente é máis complexo do que parece. No tocante á normativa é cuestión de ir lendo os decretos e as disposicións. Logo o asunto de dominar as unidades dos diversos parámetros é un pouco máis complicado, os pascales, as candelas, os kelvin…

—Que resposta vedes por parte da xente nas charlas?

—A maioría dos usuarios de vehículos mostran un notable interese (ata veñen os alcaldes), pero nunha pequena parte a repulsa é visceral… Algo parecido pasa tamén cos pneumáticos [...]. En moitos casos confúndese crítica e rebeldía con descoñecemento.

—Que debemos saber sobre a baliza V16?

—De primeiras saber se está homologada para usar a partir do día 1 de xaneiro. Despois informarnos das características técnicas, sobre todo do nivel de luminosidade e da autonomía da mesma. Considerar que hai douscentos e pico modelos, e polo tanto diversas calidades. Nós pensamos, neste contexto, que o rango entre a esixencia mínima e máxima é un pouco alto, como ocorre nas candelas (entre 40 e 700 no grao 0).

—Como distinguimos as balizas homologadas válidas?

—Hai que estar moi posto no tema para distinguir de xeito visual a homologada vella da homologada nova, por dicilo dalgunha maneira. Polo tanto debemos verificalo na páxina da DGT [Dirección General de Tráfico] contrastando o código alfanumérico que aparece indeleble na tulipa. A razón é que o formato do susodito código é o mesmo en ambos casos.

—Entón custa saber que estamos comprando realmente...

—Certo.

—Hai moitas balizas homologadas das vellas, das que non serven a partir do día 1 de xaneiro?

—Si, estamos vendo moitas [...]. En canto ás boas, nos establecementos o que si vexo é pouca variedade, e algunha difícil de atopar, por exemplo a que leva tamén a suxeición por ventosa ou a de alimentación continua.

—Cousas a aclarar. Hai que dar os datos persoais ou do vehículo?

—Ningún dos dous, a non ser que nos acollamos á aplicación engadida que ofrecen.

—Que vantaxes lle ve respecto dos triángulos?

—Só abordamos a normativa e as características, sen entrar en outras cuestións. Non as defendemos nin as criticamos [...], pero é certo que cando se fala da utilidade nas curvas, cambios de rasante, pouca visibilidade… póñome a pensar. Non posúo criterios obxectivos para poder valorala. Xa iremos vendo. En canto aos triángulos, segundo a normativa non hai que utilizalos. Pero non me estrañaría que dentro dun tempo os recomenden para usar como complemento para certas circunstancias. Ao revés do que pasa en Francia, onde os triángulos son obrigatorios e a luz é complementaria.

—Falamos de seguridade, e como estudoso da dinámica rotacional, que recomendación faría aos condutores?

—Pois que saiban que a velocidade é enganosa, que en moitísimas fórmulas da dinámica aparece elevada ao cadrado.

—Iso que significa?

—Que en moitos casos a dificultade que se nos presenta ante unha emerxencia, manobra imprevista… non aumenta coa velocidade, senón co seu cadrado, non de maneira proporcional. Para circular con seguridade debemos levantar o pé do acelerador.