Cedeira revive os tempos da rapeta

ANA F. CUBA CEDEIRA / LA VOZ

CEDEIRA

Os escolares viviron fascinados a xornada coa que o museo do mar quixo divulgar esta arte de pesca, de autoconsumo e sempre furtiva, pero parte do patrimonio local

23 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«¡Como non me vou acordar! Pasei parte da vida aquí, de rapaz; tiñamos unha finca ao pé das fábricas e viña con miña nai plantar, mandábame á praia e se había alguén rapetando volvía para a casa cuns peóns e uns xureliños. Eu crieime na praia», conta Vicente Rey Vilarelle, enfundado nunhas botas de auga. Este mecánico é un dos responsables da creación do Museo Mares de Cedeira, de onde partiu a iniciativa de revivir os tempos da rapeta na praia da Magdalena.

Moi cerca del andan Eduardo González Villarnovo, Eduardo do Mimo, que vai de patrón da chalana; e José Rodríguez Arribe, Jose de Vigo, encargado de coordinar a faena co corno na man. «Antes había dúas versións de corno, o que levaban as mulleres polas aldeas para avisar de que chegaban co peixe e o das lanchas, para cando había néboa. ‘Tócalle o corno que vai para nordeste’», relata Rey Vilarelle. De neno, escapaba das fanecas bravas, igual que Xosé Cheda, que hoxe veu á praia a fotografar: «Acórdome, os escorpións eran o problema, picábanche fácil».

Hoxe (o luns) a praia está ateigada de rapaces, case todos os alumnos do CEIP Nicolás do Río e os maiores do IES Punta Candieira. «Antes fomos aos centros e falámoslles das artes de pesca e da rapeta, facendo fincapé no medio ambiente, para que tomen conciencia e para achegar aos pequenos o interese polo mundo do mar», explica Arribe. Ata os entrevistaron en Onda Discalza, a emisora da biblioteca do IES.