Apresidenta de Arxentina vén de botar unha gracia-chiste-parvada sobre os chineses. «Vinieron sólo pol el aloz y el petlóleo...». Ben mirado todos somos máis ou menos algo chineses. Voulles poñer algúns exemplos: o concello de Cabañas Raras, no Bierzo, deberíase chamar Cabañas Ralas y así entenderiamos de que vai o nome. De Barallobre non podemos dicir o mesmo porque daría Balalloble e ao escritor Lamón Loureiro non lle ía gustar. Sigamos: os filólogos falan de que Narón e Nalón veñen a ser o mesmo. Un chinés que nos preguntara polo concello de Nalón non daría ningún problema en Asturias se preguntase polo río Nalón, a non ser que dixera «lío». Que falamos o que falamos de orella demóstrase cando nos explican que Zaragoza vén de Caesar Augusta. Duros de orella aquelas xentes do Ebro, a quen os romanos chamaron Iberos. A presidenta Clistina divírtese da pronuncia dos chineses e fixo un chiste parviño. A palabra Berg aparece moito para designar poboacións e cidades. Bergidum deu, vaia polas ánimas, Bierzo. Pero en outras latitudes derivou en Bélxica, que eles escriben Belgique. Somos máis chineses do que parece. Unha vez recibimos unha carta dun gravador chinés que quería participar no Premio Máximo Ramos de Ferrol e escribiu FeRRRol, por se o demo. Escapou de poñer Felol e pasouse de R.
Hai moitos exemplos de rotación entre R e L. A min gústame dicir A Coluña. Pero máis fino aínda sería La Colugna de Paco Vázquez, despois do seu consulado romano. Que os galegos son menos chineses que outros pobos demóstrase coa palabra Igrexa, que de Eclesía por terras de Castela deu Iglesia, sen que de momento se teña demostrado invasións asiáticas. Tamén a palabra plaza se di en Galicia praza e plancha é igual que prancha. Pero volvendo á presidenta Cristina, o de ela cos chineses máis que un pranchazo foi unha metedura de zoco.