HUME premia unha investigación sobre corrupción e estraperlo en As Pontes e Ortigueira na posguerra
AS PONTES
O brionés Gael Uxío Proupín Cantelar e o eumés Juan Carlos Vázquez Arias foron o primeiro e o segundo galardoados
17 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Asociación de Estudos Históricos e Sociais HUME, de As Pontes, recoñeceu dous traballos que indagan sobre distintos aspectos da historia recente do municipio na décima convocatoria do seu Premio de Investigación. O primeiro recaeu no brionés Gael Uxío Proupín Cantelar, graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, cun máster en Historia Contemporánea. Este doutorando presentou o traballo O exército negro da autarquía: corrupción, estraperlo e intervencionismo en As Pontes e Ortigueira. O xurado destacou «a súa achega innovadora e o seu enfoque social».
A investigación, explica, «evidencia a resiliencia e a capacidade de adaptación da poboación produtora, que desenvolveu estratexias complexas de supervivencia nun contexto marcado pola escaseza, o racionamento adulterado e as políticas coercitivas do franquismo». O xurado entende que esta visión «humanizada ilumina a experiencia das familias labregas e ten un claro interese social, ao revelar prácticas de corrupción estrutural e achega un valor fundamental para a memoria e a identidade local, ao sacar á luz unha realidade histórica pouco explorada».
O mestre e investigador eumés Juan Carlos Vázquez Arias foi o segundo galardoado. Licenciado en Xeografía e Historia, conta con diversas publicacións sobre a historia local e é colaborador habitual de revistas especializadas. HUME distíngueo polo traballo Creación do Concello nacional das Pontes de García Rodríguez (1936-1950), que «permite aproximarse á formación dos primeiros concellos franquistas de As Pontes, unha vez desaloxada a corporación republicana, e analiza a sucesión dos distintos consellos municipais nos anos inicias da ditadura».
O xurado subliña o nivel dos dous traballos: «Contribúen ao coñecemento comarcal e abren novas liñas de investigación sobre as relacións entre o poder local e o Estado franquista».