Protestantes

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

ARES

07 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

1516-1517. Este ano e o que vén conmemórase o quinto centenario da Reforma Protestante. Nos países protestantes ademais de conmemorar celebran este acontecemento. Nos países católicos este fenómeno relixioso, de cultura, mírase de esguello. Aínda pesa o prexuízo de chamar a todo aquilo dun xeito despectivo. Seitas protestantes «heréticas» é a denominación más común. No século XIX e a comezos do XX, coa revolución industrial e a apertura comercial, viñeron a España ingleses a facer negocios. Traían os seus costumes, a súa seguridade de superioridade e máis traían tamén o «protestantismo».

En moitos casos identificábase «protestantismo» e superioridade cultural e económica. Daquela o éxito económico dos países protestantes contrastaba co atraso dos países católicos. As cousas son máis complexas pero todos sabemos que as simplificacións e simplezas entran mellor e máis axiña na cabeza. En Ares, por exemplo, naceu unha comunidade evanxélica. Agora precisamente «celebran» o seu centenario. Hai estudos de por que esta comunidade.

Ten mérito manter a fe relixiosa en minoría nun ambiente social intolerante. Tiven no Instituto alumnos de familias evanxélicas. En Historia e Historia do Arte trátase o tema do protestantismo. Lembro o interese que amosaban estes alumnos polo que se dicía da súa fe e máis da cultura «protestante» tan visible na música, na pintura, na literatura. Polo menos na «clase» escoitaban falar con tolerancia e con racionalidade. Algún alumno aínda mo recorda. Chego á casa e para celebralo poño a Bach.