As Pontes: dúas mulleres contra a maioría socialista

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida AS PONTES / LA VOZ

FERROL

Candidatos do BNG, PSOE e PP por As Pontes
Candidatos do BNG, PSOE e PP por As Pontes Cedidas / César Toimil

A vila quedará despois destas municipais con catro concelleiros menos, pola perda poboacional

24 may 2023 . Actualizado a las 16:15 h.

Sete vidas e moitas máis pode durar As Pontes. A vila medrou ao abrigo da mina de carbón, lanzouse como un cohete coa central térmica e agora enfróntase ao inminente peche das chemineas. O último reto é a perda poboacional que tamén inflúe nestas eleccións. Ata agora As Pontes tiña 17 concelleiros: 12 do PSOE, tres do BNG, un do PP e outro de Xuntos por As Pontes. Ao baixar de 10.000 habitantes (actualmente ten 9.975), pasan a 13 neste vindeiro mandato. Preséntanse as candidaturas de PSOE, BNG e PP, pero non a de Xuntos.

Valentín González Formoso, candidato do PSOE por As Pontes
Valentín González Formoso, candidato do PSOE por As Pontes CESAR TOIMIL

Valentín González Formoso (PSOE): «Ninguén coñece esta vila como eu»

Promete emprego con proxectos como os de Prometal ou Invenergy

Valentín González Formoso (As Pontes, 1971) chega ao 28M coa intención de manter a súa aplastante maioría absoluta. Pero enfróntase á redución de concelleiros pola perda poboacional. E mantense a incertidume ante o peche da central térmica.

—Que futuro agarda para As Pontes?

—Cada semana temos boas noticias: a inversión de cinco millóns de euros de Prometal para Penapurreira, Invenergy como empresa americana que decide instalarse aquí para toda Europa, Allied Steel ubicada desde hai un ano e volcada contratando xente, Delicias Coruña que vai por unha segunda ampliación e prevé a terceira.

—Será complicado manter a actual maioría absoluta e coa redución de concelleiros por baixar de 10.000 habitantes?

—Esa maioría absoluta é necesaria para ter estabilidade e afrontar todos os retos das Pontes. Así podes aprobar cada asunto que leves a pleno pola vía da urxencia, como trámites urbanísticos e ambientais necesarios para novos proxectos. Porque andar con debilidades é moi perigoso.

—Pero hai acordos con outros grupos?

—Pese á maioría absoluta chegamos a acordos cos partidos. En nós impera o sentido común e non podemos entrar en guerras políticas. Iso aconteceu hai anos e foi unha etapa nefasta con mocións de censura, e tensións políticas que xeraron unha división enorme no pobo. E nós nacimos para acabar con esa división.

—De que presume como alcalde das Pontes?

—Somos unha vila moi dinámica, con 53 disciplinas deportivas e unha oferta cultural sen parangón. Estamos á altura de Narón e Ferrol. Mesmo temos un cine comercial único en Galicia, que se estrean unha de Star Wars en Madrid o mesmo día tamén temos a estrea aquí. En tres meses teremos transporte urbano entre as parroquias e o pobo, algo que non ten nin Narón.

 —Compárase moito con Narón?

—No sentido de que nós tamén temos cultura durante toda a fin de semana.

—Como compaxina as tres axendas de candidato á alcaldía, secretario xeral do PSdeG e presidente da Deputación?

—Durmo cinco horas ao día e sempre nas Pontes, por aquí ando todos os días e os fines de semana intensifico a campaña con actos por toda Galicia.

—É moi cedo para falar de candidaturas no PSdeG para a Xunta?

—Moi cedo, e ademais neste partido deciden os militantes. Cando chegue o momento falaremos.

—Tíralle moito As Pontes?

—Ninguén é imprescindible pero ninguén coñece As Pontes e os seus proxectos como eu. Ninguén ten os contactos que teño eu coas empresas e as institucións como o Ministerio para la Transición Ecológica. O intelixente é que eu siga sendo alcalde.

Carmela Franco, candidata do BNG por As Pontes
Carmela Franco, candidata do BNG por As Pontes

Carmela Franco (BNG): «É complicado falar de futuro aquí pero eu teño ilusión»

Aposta por proxectos para mozos e maiores

Carmela Franco (As Pontes, 1999) preséntase por primeira vez como candidata á alcaldía a través do BNG. Loitará por «un futuro para os mozos ponteses».

—Tras estas eleccións, As Pontes quedará con menos concelleiros por baixar de habitantes.

—Penso que xa é hora dun cambio e non só por baixar habitantes, senón tamén porque 16 anos de goberno socialista xa son suficientes. Xa está ben de maiorías absolutas, temos un futuro complicado por diante e as maiorías absolutas non son positivas se non podemos decidir entre todos. Queremos un pleno diverso, sexa de 17 ou de 13 edís.

—O BNG xa ten experiencia de goberno nesta vila.

—E puxo en marcha uns servizos públicos aínda vixentes. A última vez que se creou chan industrial foi cun goberno do BNG, tamén a escola infantil ou o centro de maiores son do mandato nacionalista.

—Cales son as principais carencias que ve na vila?

—A baixada dos 10.000 habitantes e o censo de poboación avellentado. Queremos crear un fogar de maiores que combine un servizo cohousing co uso máis habitual de residencia.

—Vostede ten 23 anos. Como agarda o futuro nas Pontes?

—É complicado falar de futuro aquí pero teño ilusión e alegría, hai que afrontalo así. Quero vivir nesta vila e dou un paso ao fronte porque a mocidade necesita decisións, e estamos co peche da térmica á volta da esquina.

—Como define o mandato que remata?

—Ao igual que os últimos 16 anos: caracterizados pola falta de transparencia e cun acceso moi reducido á información.

 

María del Carmen Dopico, candidata do PP por As Pontes
María del Carmen Dopico, candidata do PP por As Pontes

María del Carmen Dopico (PP): «Os veciños din que o alcalde non está no pobo»

Lamenta « a falta de seguridade e de mantemento»

María del Carmen Dopico (As Pontes, 1973) naceu no número 65 da Avenida de Ferrol, á altura da Praza do Carme. E preséntase polo PP.

—As Pontes asiste de novo a outra etapa de cambio. E nesta ocasión a nivel electoral, ao baixar de 17 a 13 concelleiros.

—Trátase dun momento incerto, porque ademais do novo número de concelleiros hai dúas candidaturas diferentes por parte do BNG e o PP. Haberá que ter en conta a maiores o desgaste do equipo de goberno.

—Como foi a última maioría absoluta do PSOE?

—Pois nesta maioría absoluta, o PSOE non fixo nada. E houbo unha perda de subvencións e de oportunidades, con ese peche da central térmica no horizonte. Os socialistas cren que son vencedores e o único que fan é para manterse.

—Como afecta ese peche no futuro da central?

—É outra perda de oportunidades. Baixamos a 13 concelleiros porque moita xente marchou do pobo en busca de traballo, sobre todo de auxiliares e os transportistas de carbón. Tiveron que buscar a vida fóra do pobo. E iso é tamén é malo para o comercio local, todo afecta aos veciños.

—Que trasladan os veciños nos encontros?

—Trasladan desde temas de falta de mantemento a unha palpable ausencia de seguridade por roubos. A xente xubilada e prexubilada de Endesa ten que axudar a manter aos fillos e os netos. Os veciños din que o alcalde non está no pobo e que só se preocupa por el. A sensación é que os concelleiros só cobran os seu soldos e non traballan.