Xa se poden consultar parte dos máis de cinco mil documentos e fotografías dixitalizados e catalogados polo Museo Etnográfico Monte Caxado, na súa web
13 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A mediados dos anos 80, José María López Ferro propuxo no claustro de profesores do colexio Monte Caxado das Pontes crear un museo etnográfico, e comezaron a recoller material. «Ao principio eran pezas, pero despois empezou a chegar algún documento [desde o século XVIII ata a actualidade], como escrituras de compravenda de propiedades, partixas, correspondencia persoal, libros, revistas, cómics, xornais, billetes, selos... e fómolos recollendo», repasa. Polo medio aparecían programas dos dous cines que había daquela, «o Hispania, o máis antigo, e o Alovi, que se conserva... entregábanos á saída da misa de doce para que a xente soubera cal era a carteleira desa tarde».
Tamén recibían «as vellas fotografías». «Nunca nos quedabamos cos orixinais, emprestábannolas, e ao principio, eu, cunha cámara e un obxectivo macro, facía foto da foto, ata que xa empecei a escanealas... E faciamos exposicións cada ano, ata 2014, nos corredores do colexio [...], e nos anos 2007 e 2009 sacamos catálogos fotográficos con algunhas delas», conta o artífice e director do Museo Etnográfico Monte Caxado (MEMC). E hai tres anos, cando crearon a Fundación MEMC, un dos obxectivos radicaba en dixitalizar este arquivo, toda a documentación doada polos veciños, «para expoñela ao público de xeito que puidese tela á man para a súa consulta con só un clic», a través dunha web.
Nestes tres anos conseguiuse, con apoio económico da Deputación da Coruña e do Concello, e co traballo das empresas locais Cultureume e Eumenet, que dixitalizaron e catalogaron a documentación recadada e crearon unha base de datos informatizada. O venres presentouse a páxina www.montecaxado.gal, onde xa se pode acceder a máis de 500 documentos, entre fotografías, audiovisuais e textos. O resto irase incorporando pouco a pouco, «nun proceso participativo, a través das redes sociais, para que a veciñanza identifique á xente das fotos», explica Xosé María López Fernández, de Cultureume.
En total hai 3.300 fotografías e 1.792 documentos dixitalizados e catalogados, estruturados polas mesmas seccións e subseccións do museo: deporte, agro, milicia, emigración, oficios, industria, casa, relixión e crenzas, vida cotiá, vella escola, xoguetes, maquinaria, roupa, vila, festas e xente. Esta base de datos «permite coñecer como era o territorio, o estilo de vida, os costumes, os oficios, o lecer, as crenzas e o traballo dos homes e mulleres que o habitaron desde finais do século XIX ata a actualidade», subliña López Fernández. O traballo foi arduo. Primeiro seleccionouse o material, «por criterios de conservación e relevancia», e no caso das fotografías, moitas en formato dixital, visionáronse para escoller as de mellor resolución. Despois elaboraron os esquemas da base de datos e crearon as táboas de rexistro, con información identificativa (número de rexistro, nome do doante, sección, subsección, valor cultural e estado de conservación), descritiva (tipo de documento e mesmo o nome do propietario, se figura) ou de contido (que, no caso das fotografías, inclúe o nome das persoas que aparecen nelas, cando se coñecen, e o título).
Exposicións temáticas
Pero o reto da Fundación MEMC vai máis aló, como indica o seu responsable: «Outro dos obxectivos que temos, dentro do que é o museo, é organizar exposicións temáticas de fotografías [parte dos documentos xa están expostos na sección correspondente] na parte alta do centro, porque as imaxes son moi atractivas para a xente. Queremos ir facendo exposicións [de copias en papel] por seccións: relixión, festas, escola, milicia, etcétera, porque hai moita xente maior que é partidaria de velas así». «Hai fotos descoñecidas por parte da poboación, como a dun petroleiro que se fixo nos estaleiros de Bazán e leva o nome de As Pontes de García Rodríguez, de abril de 1956. Hainas da Sociedad de Instrucción Naturales de As Pontes en Cuba, que puxo cartos para construír a escola da Barosa... E mesmo das festas, unha do Corpus, de cando se celebraba, na praza da Igrexa, no ano 49...», engade.
«Iso é cuestión de ir dando un pasiño hoxe e outro mañá, tamén se está atendendo ao público [no museo] e sácanse os cadernos todos os anos, este ano estivo dedicado aos zapateiros e para o ano que vén será das lendas», adianta. Todas as iniciativas perseguen recuperar e divulgar a microhistoria das Pontes e da súa xente.