Paisaxes feitas de letras e de soños en Ferrolterra, Eume e Ortegal

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL

Un paseo polas luces dos territorios literarios nos que se dan a man a beleza do entorno e forza da creación

25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei se estarán vostedes de acordo comigo, pero a min paréceme que hai poucas maneiras máis fermosas de achegarse a unha paisaxe que camiñar por ela da man da literatura. E iso serve tamén para as paisaxes que un mesmo habita, para as máis queridas. Porque, como xa tantas veces se dixo , toda paisaxe é, en esencia, unha emoción. Para adentrarse no territorio das marabillas non hai que ir ao outro lado do mundo, como ás veces se pensa. Sen lle restar mérito ningún ás andanzas de Marco Polo, convén lembrar que ao pé da porta tamén temos paraxes nos que toda luz é unha maxia. Cousa da que a propia literatur, ten dado testemuño xa.

Así que esta de hoxe é unha excelente ocasión, ¿non lles parece?, para dar un paseo -por exemplo- polo Serantes no que naceu todo un Premio Cervantes, Gonzalo Torrente Ballester. ¿E que dicir das Pontes de García Rodríguez, lugar no que o fermoso país do Eume anuncia a cercanía da Terra Chá e no que naceron os versos de Medos Romero?

En Doniños, lugar de lendas que falan de cidades mergulladas, ten a súa cerna a literatura de Guillermo Llorca Freire e de Ánxela Loureiro. En Neda seguen vivos todos os versos de Fernando Esquío. E no corazón das fragas do Eume resoa a poesía de César Antonio Molina, que cada ano, chegado este tempo de verán, volve a Caaveiro.