Compran 7,5 hectáreas nas Fragas do Eume para protexelas dos eucaliptos

ana f. cuba MONFERO / LA VOZ

FERROL

CEDIDA

A asociación Betula custodia o patrimonio natural para rexeneralo e conservalo

04 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Un grupo de amigos preocupados polo medio ambiente constituíu, no 2013, a Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico Betula (nome científico do bidueiro), con sede social en Fene e de ámbito galego. O depósito de áridos procedentes de Holanda no porto exterior de Ferrol e nun monte do municipio de Cabanas, poucos anos antes, serviulles de impulso. «Naceu coa idea de facer custodia do territorio, algo que era moi importante en Galicia porque non había moitas iniciativas desde tipo, para protexer e evitar o deterioro de terreos», explica o ortegano César Martínez, secretario da entidade.

A adquisición a particulares é «a mellor» fórmula de custodia, xa que permite preservar o terreo «a perpetuidade», o propósito final de Betula. Pero a situación económica dunha entidade cun cento de socios e unha cota anual de 15 euros non llelo pon doado, xa que, ata o ano pasado, ningunha administración outorgaba axudas para este tipo de investimentos. «No 2019, a Deputación creou unha liña de subvencións e iso permitiunos dar un salto cualitativo, mercamos sete hectáreas e media nas Fragas do Eume, que é un dos obxectivos prioritarios, polo valor medioambiental e porque é unha maneira de visualizar a asociación», remarca Martínez.

No parque natural xa tiñan dúas parcelas de media hectárea cerca do mosteiro de Caaveiro (Taboada, en Monfero), grazas á doazón dunha muller interesada en preservalas. «Fixemos unha primeira actuación para suprimir os eucaliptos [cortaron uns 350] e restaurar o bosque atlántico», indica o secretario de asociación. A superficie adquirida o ano pasado atópase na parroquia de Queixeiro, tamén en Monfero. «Un 80 % é fraga pura, ben conservada; e o outro 20 % necesita retirar os eucaliptos e, logo, agardar. Ás veces non é necesario facer unha intervención inmediata, senón deixar que se rexenere», subliña.

Este ano pensan solicitar de novo a axuda da Deputación para facerse con outras catro ou cinco hectáreas. «Xa temos contacto cos propietarios», indica o representante do colectivo. Pero a custodia non só vén a través da compra ou a doazón, senón que tamén se establece mediante convenios con particulares ou comunidades de montes. Betula ten acordos con veciños no Seixo, en Mugardos, «por unha extensión dunhas dúas hectáreas de piñeirais e pequenas fragas»; en Vilalba, ao carón do río Madalena, por arredor dunha hectárea; e nas fragas do Belelle, en Neda, por media hectárea.

Convenios cos propietarios

«A asociación fai unha avaliación do terreo, se necesita mellora pódese facer en colaboración, e o propietario comprométese a mantelo en boas condicións», sinala. Betula informa, asesora e orienta ao dono da finca sobre as posibles vías de rexeneración e restauración do monte, nun convenio por dez anos, prorrogable, que se pode romper cando calquera das partes o decida. Dun xeito similar subscriben convenios con mancomunidades, como ocorre coa de Sillobre, con 27 hectáreas do monte de Marraxón. Agora negocian unha posible colaboración coa comunidade de Brión e Doniños, que xestiona o monte da Cha, propiedade do Concello de Ferrol. Betula propuxo a sinatura de convenios de cooperación para a custodia de zonas de interese medioambiental que pertencen aos concellos de Mugardos, Fene e Neda. Neste último «hai moi boa disposición», destaca Martínez.

En Galicia, a principal experiencia de custodia do territorio é a da Asociación Cultural Ecolóxica Ridimoas, de Ourense, e a do colectivo Fragas do Mandeo, nas Mariñas. «A presión para a transformación do bosque autóctono a especies coma o eucalipto é moi grande», constata o representante de Betula. Tamén teñen dificultades á hora de facer entender o que significa a custodia, que esperta suspicacias nos propietarios. En paralelo, este colectivo promove andainas divulgativas, custodia ríos e colabora con centros educativos da zona en accións polo medio ambiente.