Cedeira, na orixe do Mar de Muiñeiras

ANA F. CUBA CEDEIRA / LA VOZ

FERROL

JOSE PARDO

Hai 15 días, 660 alumnos da comarca e os seus mestres fixeron «rodas e puntos» no estaleiro de Navantia, unha iniciativa que leva o selo de mestres cedeirenses

25 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Vivimos porque danzamos / [..] / A danza é vida / Só a morte das estatuas non danza». Estes versos extraídos do poema A danza da vida, do mestre cedeirense Rafael López Loureiro, Calel, encabezaban o proxecto que o Centro de Formación e Recursos (CFR) de Ferrol remitiu a Navantia. Querían irmandar a construción naval e o baile tradicional nun Mar de Muiñeiras, título co que tamén os obsequiou Calel.

A cedeirense Carmen Lorenzo, mestra do CEIP Nicolás del Río, e o ferrolán Uxío Leira, tamén docente e neto de Catalina da Corredoira (da parroquia de Santa Eulalia de Cervo), xuntáronse hai unha década con outros profesores cos que compartían «o interese pola cultura e polo baile tradicional galego», co propósito de «buscar a maneira de introducilo na práctica das aulas [figura no currículo de Primaria e tamén de Secundaria]». Nestes anos de traballo e formación, ao amparo do CFR de Ferrol, fóronse incorporando compañeiros coa mesma inquedanza.

Para ser feliz, hai que bailar

A súa experiencia nas aulas serviulles para corroborar os beneficios do baile: «É un exercicio excelente de coordinación e lateralidade, aeróbico e de traballo en equipo». Pero máis aló de todo iso, subliña Carmen, «é moi ben acollido polos nenos e nenas das escolas». Un día oíulle dicir ao bailador santiagués Serxio Cobos que quen non baila non é feliz e conta que no curso que remata, un alumno de terceiro de Primaria comentoulle que «para que la gente sea feliz tiene que bailar».

Calcetar coas agullas dos pés

«Coincidencias da vida... O caso é que este ano nos apetecía animar a todo o profesorado a levar o baile ás aulas, concienciar a docentes, escolares e familias da necesidade de conservar o noso patrimonio cultural inmaterial, e promover a visualización do baile como elemento propio», explica. Comezaron impartindo dous cursos organizados polo CFR, ensinando pasos e puntos da muiñeira, «o único ritmo capaz de calcetar puntos de ledicia coas agullas dos pés», outra cita de Calel.

A idea de xuntarse todos un día foi collendo corpo. Aceptaron. «E co apoio incondicional de José Antonio Sordo Freire, asesor do CFR, comezamos os trámites», repasa Carmen. ¿Onde, tendo en conta que había que protexerse da choiva? Pensaron en Navantia. Redactaron un proxecto e na reunión cos responsables do estaleiro apareceu outra cedeirense, Maribel Carro Garrote. Tardaron en resolver, pero chegou o si. Precisaban unha imaxe, e Calel agasallounos cun cadro que lle regalara Felipe Senén, cunha roda de bailadores.

A axuda de Santi do Triqui

Facíalles falta música. E Carmen falou con Santi do Triqui, «cedeirés cedeirés, irmán de Guadi Galego, músico internacional...», e suxeriulles aos seus compañeiros da Banda das Crechas que foran tocar, e deron o visto bo. «Foi así como empezaron a moverse as alentías do noso mar de muiñeiras», agradece unha das artífices desta iniciativa. Mentres, seguían os ensaios dos nenos nas escolas e as xestións para organizar o espazo, as reunións con coreógrafos, a confección de figurinos co vestiario, as listaxes de participantes, a revisión do traballo de cada centro... Así ata que o calendario marcou o 10 de maio.

A escola a ritmo de seis por oito

«O xoves [a véspera] emocioneime ao ver a nave do estaleiro baleira... Todo ía adiante», confesa Carmen. E o venres, 660 nenos de 24 centros educativos da comarca e os seus mestres facían rodas e puntos nas instalacións de Navantia, ao son da Banda das Crechas e con Calel como extraordinario mestre de cerimonias.

«Esta performance de arte didáctica pretende ser, unicamente, un clamo pola inclusión da muiñeira, sinal de identidade cultural, na realidade diaria das aulas. Cremos nun futuro cheo de barcos e muiñeiras, sentímonos carpinteiros de ribeira labrando a escola do provir a ritmo de seis por oito». O vídeo final Un Mar de Muiñeiras pódese ver en YouTube; estrouse o 17, o día dedicado ás Letras Galegas.