López Loureiro: «O Samaín perverteuse nun 'Hallomaín'»

A.F.C.

FERROL

Ángel Manso

«A compoñente comercial move moito. Habería que dotar o Samaín dunha iconografía a contrapoñer á parafernalia do Halloween»

26 oct 2018 . Actualizado a las 14:14 h.

O cedeirense Rafael López Loureiro, Kalel, mestre, investigador, artista plástico e naturalista, é o responsable de que Cedeira, onde naceu en 1954, o resto de Galicia e boa parte do norte da Península recuperaran a tradición das caveiras, «desde as súas bases antropolóxicas e non desde Halloween, compartindo as bases célticas». Para iso emprendeu un traballo divulgativo que o levou por todo o territorio. En 1989 deu o paso: «Decido comprometerme con isto, penso todo, e no 90 convenzo á sociedade cultural Chirlateira de facer unha festa». Aquel foi o inicio de todo, e case tres décadas máis tarde, López Loureiro recoñece a súa decepción e sentencia, con pesar, que «o Samaín se perverteu nun Hallomaín, unha mestura ou directamente un Halloween ao que, por algún tipo de vergoña, se lle chama Samaín». De feito, incide, na idea orixinal do Samaín estaba o obxectivo de «pelexar contra o Halloween». Pero o camiño torceuse e acabou dando lugar a este novo concepto, tamén ideado por este mestre xubilado, autor da obra Samaín, a festa das caliveras, froito de anos de traballo e investigación sobre «unha realidade etnolóxica que había en toda España e que non se apreciara, e estaba a punto de morrer».

¿Albíscase que esta deriva uniformadora se poda reverter dalgunha maneira? «Sen vontade non hai esperanza», sostén. «Habería posibilidades se existe un compromiso serio. Os primeiros anos do Samaín en Cedeira ninguén ía disfrazado [...]. A festa das caliveras estaba no corazón dos cedeirenses [...]. Sen perder as esencias, houbo que facer un exercicio de aggiornamento, de poñelo ao día; antes non tiñamos luz e iso xa o cambiaba todo».

¿A que atribúe esta evolución posterior? «Hai máis intereses na diversión e no ocio que na cultura, en toda Galicia hai moita desinformación e asociacións e concellos tíranse a organizar o Samaín sen máis, porque hai que facer algo, e en vez de chamarlle o que é, un Halloween, chámanlle Samaín. E non é o mesmo, igual que carnaval non é sinónimo de entroido [...]. A compoñente comercial move moito; habería que dotar o Samaín dunha iconografía que se puidera contrapoñer á parafernalia do Halloween».