Pocahontas

EDUARDO FRA MOLINERO CAVE CANEM

FERROL

24 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pocahontas foi unha muller india de Norteamérica do século XVII. Dela sabemos poucos datos certos e moitas lendas. O presidente Trump vén de chamar Pocahontas a unha senadora demócrata. Para insultala con matices. O racismo está nos idiomas porque a xente non é de seu politicamente correcta. Non ten filtros e fala como lle dá a gana. Nos insultos nos retratamos. Hai tamén frases que marcan intencións e situacións, sen que a Real Academia de la Lengua teña culpa. Velaquí a frase «Facer o indio».

«Traballar coma un negro» explica sen eufemismos o reparto das cargas de traballo na sociedade. «Engánannos como a chinos» indica a nosa visión equivocada dos habitantes de China, aos que imaxinamos parvos e inocentes. Ou que as masas chinesas sofren gobernos tiránicos que para se soster necesitan da propaganda mentireira e máis súbditos crédulos. Non son insultos directos como os de Trump, pero digamos que poden entrar no contexto do que significa o menosprezo.

Nestes días escoito loubanzas ao imperialismo español. Unha delas di que era o imperio menos racista da súa época. Ben está crer. Axuda ás autoestimas, necesarias para o equilibrio psíquico. Pero a realidade histórica é moi clara. Os suramericanos herdaron do Imperio español todo: terras, escravos, idioma e mentalidade. Apañaron entusiasmados o racismo pola súa produtividade.

Os cronistas españois foron contundentes. Contaron e contaron ben. Abonda citar a Historia verdadera de la conquista de Nueva España, unha obra de Bernal Díaz del Castillo.