Volver a Sisargas


Como unha chamada de serea, regresan as illas Sisargas a ocupar esta columna. Veñen por sorpresa, grazas a coidada reedición dos traballos que un salmantino de trinta e poucos anos publicou nos anais da Sociedad Española de Historia Natural en 1948. Recollían as visitas que en febreiro e xuño dedicara ao arquipélago malpicán, rexistrando aves e plantas das súas tres illas principais. Francisco Bernis era entón catedrático no instituto de Lugo, cidade na que pasou catorce anos da súa vida, casando coa súa compañeira de fatigas e nai de dúas fillas e un fillo. Aquel profesor, nese fértil período da vida, percorreu moitas terras galegas, facéndose como ornitólogo e, probablemente, convencéndose da necesidade dunha ciencia cidadá, capaz de colaborar cunha información inalcanzable para os profesionais da academia. Quizais fora iso o que o levou a fundar en 1953 a Sociedad Española de Ornitología, hoxe Seo BirdLife, acollida no despacho que anos máis tarde ocupou na Facultade de Bioloxía da Complutense de Madrid, reduto dende onde apoiou o labor das posteriores xeracións de ornitólogos españois. O seu inxente traballo foi recoñecido, considerándoselle o referente en España da ciencia do estudo das aves, e tivo fonda pegada en moitos de nós. O libro, primorosamente editado por Antonio Sandoval e Xosé Manuel Varela, está publicado pola ferrolá editorial Embora; a todos eles hai que agradecerlles a oportunidade de ter eses traballos senlleiros, enriquecidos con numerosas notas ao pé e de lectura obrigada para os amantes da ciencia e da literatura científica. Foi emocionante a presentación en Malpica ante as súas fillas, co fondo impoñente das illas, As Sisargas.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos

Volver a Sisargas