Veño de viaxar a autoestrada galega de Prior ao mar de Arousa. Deixei as terras do arco ártabro verdes e soleadas, sen apenas pegadas de lume, xa tocadas cando a primavera facía de verán. A proximidade a Compostela estaba marcada por parcelas pardas e negras, máis numerosas a medida que a ruta se achegaba á mole do Barbanza. Non puiden deixar de pensar en Chandebrito e outras zonas cero ao redor de Vigo, asoladas polas lapas, mentres matinaba nas razóns do lume. Non as atopo sen lembrar as mudanzas de Galicia dende mediados do pasado século. Foi nos 50 cando o Patrimonio Forestal do Estado -un organismo que formado na segunda república para forestar España coñeceu o seu cume nesa época- expandiu en Galicia ao piñeiro insigne para fornecer das necesidades de madeira de construción ou embalaxes, ademais da nacente industria da celulosa. Moitas desas plantacións fixéronse pola forza en terreos particulares, e expropiando os montes en man común, xa que o Estado non tiña terras de seu. Isto axudou a acelerar o abandono do sistema silvo-agro-gandeiro autárquico tradicional, explicando a vaga migratoria dos 60 a Cataluña, Euskadi e Europa. Como resultado, miles de hectáreas quedaron ao coidado dos vellos, menores ou xentes sen máis posibilidade que manterse nas aldeas ou inmigrar ás cidades, co resultado demográfico hoxe á vista. E a vida seguiu. Durante décadas gobernos deixaron pasar o tempo, morrer os vellos e deixar para outros políticas proactivas de ordenación do territorio, favorecedoras dunha explotación racional do potencial de cada terra, que permitira fixar poboación para evitar lumes coa rendabilidade da economía, non coa economía do lume. E así nos vai.