Despois de adquirir durante os dous primeiros cursos os coñecementos básicos da profesión cos monitores de talleres, os aprendices rematabamos a nosa formación vendo traballar durante outros dous anos a excelentes oficiais, escollidos por competentes e boa xente. Ten razón Amadeo Varela ao eloxiar no seu libro a aqueles operarios, que dende o primeiro día se convertían nos nosos mestres e amigos. Recorda algo que pasou no ximnasio, antes de entrar eu, cando os aprendices falaron de rexeitar os bocatas de queixo americano, que se empezaron a dar, case a diario, en vez dos de xamón, chourizo, mortalela, tortilla e membrillo. Os aprendices queríanos deixar nos cestos, pero os operarios, con bo criterio, aconselláronlles deixar o queixo e levar o pan; para non correr o risco de que a dirección de escolas suprimise o bocata, co argumento de que non o querían. Fíxose así, e aínda que o escándalo foi tremendo e non faltou quen falase de manter o principio de autoridade e de tomar represalias, impúxose a cordura e o queixo americano desapareceu do menú. Eu nin o vin.
Dúas cousas chamaron a miña atención cando cheguei destinado a Monturas Taller: a solidariedade entre os traballadores, e o sentido do humor dos máis deles, que facían a convivencia non só cordial, senón tamén divertida.
Nós, rapaces de dezaseis anos, viamos exemplarizantes as colectas ocasionais entre compañeiros de operarios en dificultades económicas por longa enfermidade, accidente ou intervención quirúrxica; e as asociacións gremiais, con reunións fóra das horas de traballo para elixir directivos, fixar cuotas, crear un fondo e compensar aos enfermos das perdas de salario por baixa laboral. Non estaban oficialmente recoñecidas porque non existía o dereito de libre asociación, pero a empresa consentíaas e a revista Bazán informaba dos casos relevantes.
Tamén nos sorprendía gratamente o ambiente cordial entre os máis dos operarios, os diálogos enxeñosos, as bromas? O día que cheguei a Monturas Taller quedei arrepiado cando vin un operario pouco sociable berrando como un tolo porque ao pé do seu torno había unha bosta humana con mexadiña arredor. Chamou ao capataz, «o Segoviano», que quitou a boina e empezou a rañar a cabeza como se lle entrara a tiña; apareceu Arias, o mestre, cos ollos como pratos? Ninguén sabía que facer, ata que Alfonsiño, un operario pequerrecho e listo como un allo, entrou no grupo, colleu a bosta, gardouna no peto e marchou á súa máquina. O Segoviano volveu poñer a boina, Arias saiu a grandes alancadas cara a oficina e, malia ser home extremadamente serio, soltou unhas gargalladas que se oiron no taller. A víctima da broma comentou: -¡Manda carallo, era de cartón, pero a min ata me cheiraba!
Meses despois, a alguén se lle ocorreu soprar nun manómetro grandón a ver se podía mover a agulla. Probamos todos, e algúns movérona. Os que máis empeño puxeron foron Boris e Luis «o feo». Non sei a razón dos alcumes porque a min non me parecían especialmente feos, pero eran boa xente e levábanos ben. Boris soprou forte, sen éxito, que o aire lle escapou pola retaguardia. Pechou a válvula de escape, soprou outra vez, moveu a agulla e despois moveuna sempre que o tentou. Luis non quixo ser menos e soprou, e soprou coma o lobo do conto na casa dos cabuxiños, pero non a moveu; e cando quedou sen alento e nos mirou viu as nosas caras de abraio e despois escoitou as nosas risas, porque tiña a cara inflada coma o boneco de Netol. Botou as mans ás fazulas, deu un berro de espanto, envolveu a cabeza nunha toalla e saiu correndo á enfermería. ¡Pobre Luis! Cando o viron coa cabeza cuberta, médicos e practicantes correron a el; logo, ao velo sen toalla, pasmaron; e ao escoitarlle a aventura do manómetro, deulles a todos un ataque de risa. Volveu coa cabeza na toalla e durante varios días foi, de verdade, Luis «o feo».
siro@siroartista.com