Dous Piñeiros no Seixo


Naceron a cen metros un do outro, en dúas casas fermosas da baixada ao peirao do Seixo, con só oito anos de diferencia. José Piñeiro, o aviador, en 1878; Felipe Bello Piñeiro, o pintor, en 1886. As vidas de ambos darían para dúas películas igualmente interesantes, pero tan distintas como as personalidades dos protagonistas: audaz, optimista, seguro de si, o aviador; feble de carácter e dominado pola nai, o artista.

De vivir en París, o aviador Piñeiro sería unha estrela da Belle Epoque; o pintor Bello Piñeiro podería triunfar artísticamente en Montmartre, pero, á sombra da nai, sería un personaxe tráxico.

O pai de José Piñeiro era contramaestre da Armada e foi destinado a Sanxenxo; o rapaz fíxose mariño mercante, despois, por amor, deixou o mar, puxo unha fábrica de gaseosas, un muíño fariñeiro e una liña regular de coches Sanxenxo-Pontevedra. Pero en 1911, casado e con fillos, viu nas festas da Peregrina a exhibición duns aviadores franceses, e faltoulle tempo para vender todo, marchar a Pau (Francia), sacar o título de piloto, mercar un avión marca Bleriot, de 50 HP, e converterse en acróbata do aire.

Durante dez anos foi un heroe de masas en España e Hispanoamérica; quizais o mellor aviador acróbata do mundo. En Ferrol, no 1913, competiu co francés Poumet para celebrar a botadura do acorazado Alfonso XIII, e realizou o vó da gueivota, que consistía en rozar a auga coas ás do avión; pero bateu cun madeiro desprendido na botadura, e o accidente puido ser grave. Porén, cando acudiron a rescatalo, Piñeiro berraba: «¡O avión, salvade o avión, que me costou seis mil pesos!» Pouco despois se impuxo en Burgos aos mellores pilotos franceses.

Aínda que a popularidade o levou á alcaldía de Sanxenxo, de 1918 a 1922, Piñeiro arelaba voar, e cando os accidentes e a falta de medios para adquirir un avión competitivo o obrigaron a retirarse, caeu na depresión e morreu en Compostela, no 1927.

Felipe Bello Piñeiro estudou Belas Artes en Madrid, pero volveu ao Seixo para coidar a nai. Alumno seu foi Pepe González Collado, que acudiu tres veces por semana, durante catro anos, a aquela casa, e nunca viu á señora; só a oía dar ordes ao fillo e á criada.

Felipe namorouse dunha veciña, a nai non permitiu a relación, a rapaza casou, el non puido esquecela e deuse á beba. Por eso pintou lenzos espléndidos cando estaba sobrio, e malos cando estaba bébedo. Por eso tardou once anos en facer a marabillosa decoración do Casino de Ferrol, que lle encargaran no 1925, e non a rematou ata o 1936, cando o presidente Antón Vázquez Permuy, para protexelo nos primeiros días do Alzamento, o recluiu na sociedade durante meses.

Ademais de talento artístico, Bello Piñeiro posuía ampla cultura, sólida formación intelectual e, malia a debilidade de carácter, rexa conciencia ética. El foi galeguista militante no eido da cultura; de aí o estudo que fixo das cerámicas de Sargadelos; a crítica, orixinal e intelixente, da exposición do Álbum Nós, de Castelao; e o eloxio que na guía da cidade, do 1945, fai de Camilo Díaz Baliño -pai de Isaac Díaz Pardo- paseado en Compostela no 36.

Por certo, nese comentario Bello Piñeiro fala dun pintor ferrolán chamado Luciano Castro, do que di: «El arte de este pintor representa la tendencia más avanzada como gusto artístico que hoy se puede apreciar en el arte ferrolano».

¿Recórdao alguén?

siro@siroartista.com

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos

Dous Piñeiros no Seixo