Tranvías de Ferrol (I)

POR SIRO

FERROL

SIRO

09 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Aquela peixeira que ía «desde Santurce a Bilbao por toda la orilla, luciendo la pantorrilla», faríao por aforrar, que o primeiro tranvía eléctrico de España tiña ese percorrido, en 1896. O de Ferrol-Neda, moi ben estudiado por X. Fraga Rodríguez, tardou bastante máis e chegou por iniciativa de Francisco Barcón, propietario da fábrica de tecidos de Xubia, aínda que a concesión se fixo a José Fernández Solórzano, que debeu de ser un home seu, porque, en canto a tivo, pasoulla a Ubaldo Barcón Sandino, fillo do empresario ferrolán.

Sorprende que o Goberno tardase dez anos en sacar a concurso público a liña solicitada en 1904, sendo todas as obrigas do concesionario: depósito de 2.800.30 pts para participar na subasta; construción da liña, cun valor de tasación de 280.020 pts, e fianza do 5% do mesmo; un mínimo de dous tranvías e dous remolques ao comezar a explotación do servizo; e execución das obras no prazo de dous anos. Todo se cumpriu menos o prazo, porque o tranvía non empezou a funcionar ata o 1924, despois que Ubaldo Barcón cedese os dereitos a Tranvías de Ferrol, S.A. De 1924 a 1931 foi e veu dende a Porta Nova de Ferrol ao Portazgo de Xubia, e a partir de 1932 tamén do Portazgo de Xubia a Neda, e da Porta Nova ao Peirao de Ferrol Vello.

Había nais en Ferrol e Neda que arrolaban os nenos cantándolles:

El tranvía ha llegado.

Y no es sueño, es realidad;

ya tenemos tranvía

para pasear.

El tranvía ha llegado,

-¡Trailará!-

desde Ferrol hasta Neda,

San Nicolás.

Cando penso en imaxes o Ferrol da miña infancia, nunca falta un tranvía amarelo -máis tarde azul-, renxendo nas vías ao tomar as curvas e soltando chispas no contacto do trole cos cables da electricidade. Nos anos coarenta a luz íase na cidade, pero os tranvías seguían andando, que recibían o suministro eléctrico dunha central con dous motores e un xerador, dos talleres de Cocheiras, en Freixeiro. Despois, ao aumentar a flota, foi ao revés: podía haber luz na cidade e parar un tranvía, que a central non daba para tantos.

Os tranvías non tiñan diante, nin atrás, que levaban un motor en cada extremo e dous topes de enganche para os remolques. Eu nunca subín, en marcha, aos topes de enganche, nin me agarrei ao tranvía indo en bicicleta, porque me daba medo e non quería que o cobrador me tirase area na cara; pero gustábame ir en tranvía, perto do condutor -uniformado e con viseira, coma o cobrador-, vendo como facía xirar unha palanca sobre un panel horizontal con varios plots en arco, e variaba a velocidade. Freaba cun volante de manivela e co pé pisaba un botón que facía soar unha campaíña para que a xente que cruzaba a vía se arredase. O cobrador tiña conta das portas nas paradas e daba un tirón a unha corda que había no teito para que soase outra campá e o condutor seguise a marcha. Ao chegar ao peirao, o cobrador cambiaba o trole cunha corda e o condutor collía a manivela e poñíalla ao motor do outro extremo para ir en dirección contraria. Como as vías eran as mesmas, nalgúns puntos da cidade duplicábase durante un tramo, e os tranvías podían cruzarse.

Tamén me gustaba a caixa de latón na que o cobrador levaba os tacos de billetes de distintas cores, pegados uns a outros como as onzas nas «tabletas» de chocolate.

siro@siroartista.com