A fábrica de lapis (e III)

POR SIRO

FERROL

siro

19 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Vendo as actuacións de tantos empresarios que hoxe aparecen nos titulares dos medios de comunicación, cómpre pensar que, non en todo, calquera tempo pasado foi mellor.

Alberto Fernández era o maior accionista da fábrica de lapis e propietario único das empresas Bolfer, Afmart, Redfer e Textilfer, esta última dirixida polo seu xenro, José Luis Antón, enxeñeiro militar, que viñera da General Motors en Venezuela, no 1960. A liberalización das importacións, sen ningún tipo de protección para as empresas españolas, fixo que moitas entrasen en crise, e Hispania foi unha das afectadas ao entrar no mercado español os lapis chegados China, de peor calidade pero moito máis baratos. Alberto Fernández tentou vender o terreo ocupado pola fábrica, indemnizar ao persoal e abrir outra máis pequena en Caranza; pero non puido. A Xunta non apoiou a idea e a corporación municipal fixo un plan de urbanismo para Ferrol Vello, no que aparecía unha biblioteca pública no solar ocupado por Hispania. A venda resultaba inviable, e Alberto negociou o peche da empresa cos traballadores, que pasaron a ser propietarios da fábrica e das existencias, cun valor estimado en 80 millóns de pts.

Tamén Redfer e Testilfer sufriron numerosos impagos, e tiveron que pechar a mediados dos oitenta. Alberto Fernández, con noventa anos de idade, afrontou persoalmente a situación e saldou as débedas con bancos e proveedores.

Por eso sorprende que dúas persoas tan responsabeis como Alberto Fernández e Johann Sindel collesen como logotipo de Hispania SL o que dende o ano 1831 identificaba á empresa alemana J. A. Henckels, unha fábrica navallas e coitelos de gran calidade e prestixio. O logotipo representa o signo do zodíaco Xéminis, o do señor Henckels. Houbo pleito, pero os tribunais decidiron que Hispania podía usar o logo, por ser empresas que non entraban en competencia.

Miguel Amador, o fillo músico de Amador o da tenda de coloniais na rúa da Igrexa, era, de neno, amigo de Pepito, fillo de Bernardo Andrés, directivo da fábrica de lapis, polo que ás veces ían de visita e ata os deixaban dar cores aos lapis, meténdoos nun baño de pintura. Con aqueles lapis din cores eu á miña infancia, dende os tres anos, cando cada mañá, miña nai me levaba á cama un caderno e unha caixa de pinturas Johann Sindel, mentres me preparaba o almorzo. Despois deixei de debuxar durante moitos anos e non podo dicir, como Antonio López, que os lapis Johann Sindel son de calidade insuperable; pero si afirmo que non coñezo outras plumas de debuxo como as que saíron da fábrica ferrolá. Con elas, as do modelo en dobre ángulo, fixen os mellores debuxos de liña da miña vida. Non é unha opinión interesada, non falo movido pola nostalxia. O gran calígrafo peruano Jaime de Albarracín di nun texto que pode consultarse en Internet:

«Pluma Johann Sindel de la desaparecida fabrica Hispania, esta pluma acodada me fue obsequiada por mi amigo y alumno Miguel Bazán durante un viaje a Madrid y debo confesar que es mi favorita en el rasgueo por su flexibilidad en las curvas y nobleza del metal niquelado trabajado a mano por el artesano JS».

Nunha viñeta publicitaria de Hispania SL, un home denuncia en comisaría que lle roubaron un lapis. ?«¿Y viene usted a denunciar el robo de un lápiz?» ?«Es un lápiz Johann Sindel». ?«¡Ah, bueno!»

Eu tamén denunciaría o roubo dunha plumiña JS.

siro@siroartista.com