Destilería Rivas

POR SIRO

FERROL

Siro

10 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando Antonio Rivas López, natural de Sobrado dos Monxes, veu facer o servizo militar a Ferrol, a mediados dos anos coarenta, traía no peto cinco pesos que lle prestaran; hoxe, con oitenta e oito cumpridos e xubilado dende o 1998, ve como o fillo Rubén arrequece con ideas anovadoras a empresa Destilería Rivas, que el creara en Santa Mariña, nos anos sesenta, moito antes de que a esta parroquia rural chegase a industria. Antonio fuma quince puros ao longo do día e toma un chupito de herbas, que por algo o eslogan da fábrica é Mientras vivas, licores Rivas.

Cando saiu da mili Antonio decidiu quedar en Ferrol, casou con Herminia, filla de José del huerto, o estraperlista de Santa Mariña, e buscou a vida como puido, traballando para Seguros Ocaso, amañando e vendendo radios, e de comercial da destilería que Rafael tiña en Canido, fronte ao cuartel da garda civil.

Nos anos cincoenta pasou de vendedor a fabricante, e no 1965 tiña unha nave en Catabois, fronte ao Parrulo, onde facía licores de guinda e de café, que se vendían a granel, nas tendas de alimentación; sorbetes para tomar con selz nas cafeterías e nos guateques da miña mocidade, siropes de limón e laranxa para os toldos das verbenas, e viños doces para mesturar con augardente e facer os carolinos nos bares.

A primeira marca de Destilería Rivas foi o licor de guinda Doña Elena, unha creación de Luciano Eiroa, propietario das Destilerías del Noroeste, en Xubia, as máis importantes de cantas houbo na bisbarra ferrolana. Luciano Eiroa foi o primeiro en comercializar o licor de toxo, que debería ser o producto estrela dos licores galegos, pero problemas no proceso de elaboración fixeron que o retirase do mercado. Ao pechar Eiroa, a marca adquiriuna Destilería Planelles, de Compostela, e ao desaparecer esta, mercouna Antonio Rivas.

Hoxe Destilería Rivas, ubicada no Souto de San Xoán, en Santa Mariña, ten tamén a marca Breogán, e fai outras coarenta para empresas e distribuidores. En Nadal darán a coñecer en Ferrol unha crema de arroz con leite, con só 15 graos, que lle levará a vida ao mesmísimo san Xulián.

Durante moito tempo oín dicir que a tenda de licores que ata hai pouco houbo na rúa Magdalena, fronte á Pilarica, e que tiña a ventá chea de teas de araña, era de Antonio Rivas, pero non é así. Aquela tenda era dun xenio do marketin chamado Manolo; un home que empezou a traballar como recadeiro das tendas de alimentación aos sete anos, e que traballou toda a vida, a penas sen descanso e sen saír de Ferrol.

Digo que Manolo era un publicista xenial porque só a el se lle ocorreu facer escaparatismo coas teas de araña que traía de Pedroso; nunha tenda sen nome -polo menos eu nunca llo vin e non debía de telo porque todos diciamos o almacén de licores fronte á Pilarica-. Vendía, sobre todo, aos turistas, e, sabedor de que o éxito estaba no escaparate, tentou mantelo malia as reiteradas presións da Consellería de Sanidade para que o retirase. Aillouno do almacén cun cristal, pero as visitas dos inspectores non cesaron, e, cando estaba próximo a cumprir os 65 anos, decidiu xubilarse. Non tivo tempo. Xa dispuxera unha viaxe de vacacións coa familia, pero púxose malo e aos poucos días morreu de cancro.

Sinto non telo coñecido.

siro@siroartista.com