Coches de Valdoviño e Cedeira

POR SIRO

FERROL

CEDIDA

20 oct 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

No ano 1942 Josep Pla publicaba un libro delicioso titulado Viaje en autobús, que vén ser unha crónica da España da postguerra dende a nostalxia dos días felices e limpos. Non é, en rigor, un libro de viaxes, como o mesmo autor recoñece cunha frase do prólogo, chea de enxeño e de humor: Viajando en autobús, el vuelo es gallináceo.

Nese ano e nos seguintes as viaxes nos autobuses ?daquela o nome que se lles daba era «coches de liña» -que ían e viñan de Ferrol a Valdoviño por Meirás ou por Castro-, eran para vos «gallináceos», porque os coches andaban a gasóxeno, tiñan rodas macizas, arrincaban con manivela e tardaban hora e media en facer os quince quilómetros de percorrido.

O que ía por Meirás, saía da última mazá da rúa Dolores, moi perto da praza de Amboaxe, pero tiña que chegar á praza de España para subir pola costa da estación, porque non podería facelo polas rúas dos Mortos, do Hospital, da Terra ou Rubalcaba. A xente chamáballe «o coche de Agustín», que era o conductor, pero pertencía á empresa Transportes Valdoviño, que só os ferroláns con moitos anos recordamos.

Creárana Agustín e Benxamín, ambos veciños de Valdoviño, e máis tarde, xa con mellores coches, saíron da rúa Galiano, á altura do hotel Modelo Cubano, onde paraban algúns futbolistas do Racing, que se asomaban ao balcón con pixamas impecabeis para que os visen as rapazas que traballaban no taller de bordado de Maruja Veiga.

Transportes Valdoviño empezara facendo dúas viaxes diarias, que foron aumentando segundo medraba o número de autobuses, de nomes tan curiosos como A Cucaracha, A Nateira, O Candrai ou O Diamón. Houbo un tempo en que viaxar na parte dianteira, chamada «berlina», era máis caro que facelo na traseira, ocupada por persoas con cestas e bultos. E xa se sabe, cando o interior se enchía, quedaba o teito, onde cabían todos, que, con razón dicía un revisor: -¡Ata o ceo todo é coche! Pero no ano 1956, cando eu pasei o verán en Meirás, os coches eran excelentes.

A ruta por Castro facíana os coches de Los Cedeireses, empresa creada nos anos vinte por algunhas familias da vila. En Ferrol paraban na rúa María, entre o Cinema e Recauchutados Soto, onde os rapaces do meu tempo alugabamos bicicletas.

Como en Cedeira hai moi bo humor e moito argalleiro, non sei se crer o que se conta «do coche de Vilela», que a xente chamaba «La diligencia», polo que se movía e o que tardaba. Din que Vilela, home simpático e moi querido, transportaba mercancías de Ferrol a Cedeira e de Cedeira a Ferrol, e, de paso, algúns pasaxeiros, sabedores de que, na viaxe de volta había parada obrigada en Vilarrube para botar a partida. Tamén se di que nunha viaxe a Viveiro o coche deu tantos brincos, que, ao chegar, un viaxeiro lle dixo: -¡Oe, se pensas que che quedou algún bache por coller, damos volta e repetimos!

Enrique Botas mercou a empresa Los Cedeireses nos anos sesenta, no café Galiano, cun documento escrito nunha servilleta, cando xa tiña pactada a compra de Transportes Valdoviño. Despois, no café Suizo, mercou a Frieiro as liñas que ían á Graña, San Xurxo e Doniños; e a Ramón e Suárez a de Cobas. Naceu así RIALSA, empresa que a familia Botas tivo ata o ano 2008, en que a vendeu a MONBUS. Eran vintenove autocares e setecentos traballadores.

siro@siroartista.com