Esperanto

POR SIRO

FERROL

SIRO

30 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando o oculista xudeo Lázaro Zamenhof deu a coñecer, no ano 1887, a proposta dun novo idioma universal, non fixo a versión en castelán, e, non obstante, moitos intelectuais españoles entusiasmáronse co proxecto e co ideal do creador, que tencionaba conseguir coa nova lingua o achegamento dos pobos e a desaparición dos odios entre as nacións.

Entre os primeiros esperantistas españoles estivo o sacerdote ferrolán Matías Usero e o médico compostelán Javier Casares Bescansa, que pasou a ser un de nós ao exercer como médico da Armada e casar coa ferrolana María Dolores Fontenla. Na rúa do Sol tiña o laboratorio onde investigaba e creaba medicamentos que comercializaba na farmacia da rúa Magdalena.

Matías Usero foi perdendo interese polo esperantismo segundo medraba o seu compromiso coas xentes máis humildes, que o levou a procurar un socialismo cristián; pero Javier Casares converteuse nun dos sabios europeos que formaron a Comisión Mundial do Esperanto. Súas son todas as voces científicas do Ido -derivación do esperanto- e dende 1906 presidiu un grupo de esperantistas ferroláns. Non deixa de sorprender tanto entusiasmo por un idioma universal neste home que falaba todas as língoas romances, e tamén inglés, francés, alemán, noruego, sueco, danés?

O esperanto empezou interesando á xente da cultura, a militares e a grupos católicos, pero durante a Segunda República as máis das actividades celebráronse co Centro Obrero de Cultura. Esperantistas da primeira época foron o comerciante Saturnino Montalbo e Emilio Bidegain, membro do coro Toxos e Froles. Na segunda destacaron o médico Antonio Porta Gárate, Luis Cereijo León, mestre no Hospicio; Francisco Lledó Martínez, verdadeiro apóstolo do esperantismo; Luis Fernández Gómez e Julio Bueno Cortés Porrolo, veciño da Graña, que durante a Guerra Civil fuxiu a Vigo, onde se incorporou ao grupo esperantista local.

Nin guerra, nin prohibicións poideron cos esperantistas, que desapareceron un tempo, pero do 21 ao 24 de xullo do 1976 estaban en Ferrol para celebrar o XXXVI Congreso Nacional, con 250 participantes, no colexio Tirso de Molina, sendo cordialmente acollidos polas autoridades locais. Antes, no ano 52 os esperantistas ferroláns organizaran un curso no local da Organización de Cegos, na rúa Alcalde Usero, con clases impartidas por un empregado de Bazán, chamado Pastor, que vivía nas Casas Baratas; e polo entusiasta Francisco Lledó, veciño da rúa do Castro, en Ferrol Vello. O meu amigo Yayo e a muller -daquela a noiva- asistiron e algún tempo despois participaron nun congreso -non sei se de ámbito local, provincial ou galego, no que concurriron unhas cincoenta persoas-, con conferencias, misa en esperanto en San Xulián, viaxe en lancha pola ría, e medalla conmemorativa.

Francisco Lledó, protagonista en todas as actividades dos esperantistas ferroláns, incluído o citado congreso de 1976, no que leu unha conferencia en esperanto sobre a historia de Ferrol, era o operador no cine Callao, e tiña como axudante un rapaz duns dezaoito anos, ao que daba as ordes en esperanto, e o rapaz entendíao perfectamente.

Non sei se quedarán esperantistas en Ferrol, pero paréceme xusto recordar os que houbo, e facer meu o seu lema: Por ciu vilago lia lingvo, kaj oni de komuna por ciuj. Para cada pobo o seu idioma, e un común para todos.

siro@siroartista.com