Dous militares

POR SIRO

FERROL

siro

07 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O amigo Gago, veterano incombustible nas agrupacións corais de Ferrol, infórmame de que, ademais da canción que José Luis París fixo á Virxe de Chamorro, existe outra de Manuel Calvo, curiosamente, con dúas partituras: unha de José Pastor Soler, director de Toxos nos anos sesenta, que o Coro ensaiou pero non chegou a estrear por falecer o director; e outra de Juanito Hernández, director de Añoranzas, que si se canta. Correxido o erro do artigo anterior, paso a falarlles de dous militares que, sen ser ferroláns, tiveron gran protagonismo na vida civil da cidade, xa nos primeiros anos coarenta: o coronel Miguel López Uriarte e o capitán Juan Cardona Rodríguez, ambos do Reximento de Artillería.

O meu cuñado Paco, que foi toda a vida laboral pintor no Parque de Artillería, recorda ao coronel López Uriarte como «unha gran persoa», a ao capitán Cardona «recto, pero moi humano».

López Uriarte era solteiro e vivía coa nai, dona Emilia, que o sobreviviu; e foi Cardona quen se encargou de atendela na vellez, que pasou no Hospital de Caridade, ao que deixou os seus bens. Non sei onde nacera o coronel López Uriarte, pero Juan Cardona era de Mahón e fillo de Pedro Cardona Prieto, Almirante de Mariña e fundador e impulsor da Aeronáutica Naval en España. Invito aos lectores a coñecer, a través de Internet, a biografía deste home, exemplo perfecto do que pode dar de si un talento ben aproveitado.

Juan Cardona chegou a Ferrol no 1943 e ese mesmo ano casou con María del Pilar Comellas García-Llera, dunha familia ferrolá, moi querida, da que falei en varias ocasións. Tiveron sete fillos; un deles, o militar e novelista Juan Cardona Comellas.

Como bos estrategas, López Uriarte e Juan Cardona entraron na directiva do Casino, ocuparon os cargos de presidente e secretario, respectivamente, e crearon as comisións que apoiasen os seus proxectos.

Un deles foi o arranxo da estrada que leva á ermida de Chamorro; outro o espléndido monumento aos caídos en África, inaugurado no 1949, que loce no cumio unha Victoria modelada por Asorey, e fundida en bronce en Bazán, cos canóns do castelo da Palma. Non sei se será certo, pero alguén do taller de fundición me dixo, hai moitos anos, que as azas da Victoria pesaban tanto, que houberon de facer un arranxo e fixalas con pernos. O deseño do monumento debeu de ser de Juan Cardona, que tiña na casa un cartafol con moitos bocetos do conxunto. A obra costeouse con aportacións de particulares, e Franco puxo 500 pesetas.

O coronel López Uriarte morreu no 1952, e Cardona seguiu so. Adicouse, sobre todo, ao Hospital de Caridade, e no 1974 puido ver o novo hospital de Caranza, que agora leva o seu nome. Ferrol xa lle recoñecera o labor facéndoo fillo adoutivo no 72.

Remato cunha anécdota da inauguración do monumento aos Caídos en África, á que asistiu Franco. Dos concellos dos arredores viñeron buses con xente que facía tremolar bandeiras e berraba a coro o nome do Caudillo. Ninguén máis feliz ca un parviño de Valdoviño, que se apañou para poñerse en primeira fila, onde estivo berra que berra. Franco chegou e milleiros de voces afervoadas repetiron o seu nome, pero o parviño calou, deixou de mover a bandeira, e non abriu a boca ata o día seguinte, cando, coa súa media fala, contou a Santiago Castro, o das máquinas Sigma:

-Chejou o coche, e todos ¡FRAN-CÓ, FRAN-CÓ!. E abriuse a porta, ¡e saiu un home cativo coma nóooos?!

siro@siroartista.com