O castigo nas escolas

POR SIRO

FERROL

Siro

Cando homes da miña idade din que gardan grato recordo dos colexios en que estudiaron, penso se non gardarán máis grato recordo da infancia e da adolescencia que duns centros de ensino que tiñan como principio pedagóxico o de a letra con sangue entra.

En canto publiquei o artigo adicado ao Colexio Dafonte, recibín un correo que me enviaba desde Alemania o doutor Pablo Cartagena, que dicía: «Eu tamen fun alumno da Academia Dafonte e recibin algún que outro tirón de orellas do gordo, baixiño e magnifico profesor Don Andrés. Unha academia de moito renome en Ferrol».

O tirón de orellas aceptábase con naturalidade, pero tamén, por estraño que hoxe pareza, a labazada, o palmetazo e o punteirazo; de aí que en Internet haxa unha páxina de exalumnos do Tirso, que falan con emoción do seu colexio, aínda que, en privado, recoñecen que varios relixiosos -a un chamábanlle Tiranus- e seglares pasábanse nos castigos, e eloxian aos tres Manueles: Masdías, Comellas e Fuertes, que, ademais de excelentes profesores, xamais pegaron a un alumno.

Maltrato físico dábase tamén no ensino público, e costa entender como aquel home de boas maneiras e amante da cultura, que era Manuel Figueirido Feal, e a recoñecida mestra e inventora Ángela Robles, o consentiron no Grupo Escolar Ibáñez Martín, cando foron directores. Porque don Victorino non o permitiu, e profesores que noutros colexios eran lixeiros de mans, tíñanas quietas nas aulas do Concepción Arenal mesmo cando sufrían as burlas dos alumnos, como recorda Xavier Alcalá no libro A nosa cinza.

Resulta curioso que o docente do Instituto máis próximo ao alumnado fose Arévalo, militar e franquista. A min deume clase e tivemos afervoadas discusións sobre as súas fobias antidemocráticas, pero sempre con cordialidade e bo humor. Moi queridas foron tamén as irmás Vázquez: María Jesús, Pili, Beatriz e Victoria. Como eran pequeniñas e de ollos algo resgados, cando empezou a guerra de Corea pasaron a ser as coreanas. Hai anos, María Jesús, que ten memoria prodixiosa, dicíalle a un exalumno que non a recoñecía: «¡Cómo no me vas a recordar. Soy María Jesús, la mayor de las coreanas»!

Pero ata no Instituto se impoñía o castigo da discriminación a alumnos que, por padecer certas disfuncións, eran considerados burros.

A discalculia ou dislexia dos números pódena padecer persoas moi intelixentes. Domingo García-Sabell, médico eminente, home de extraordinaria cultura, que falaba cinco idiomas, nunca aprendeu a sumar e contaba polos dedos. Máis frecuente na infancia é a dislexa da lingoaxe, orixe de boa parte do fracaso escolar. No ano 1965 axudei a un rapaz, alumno de terceiro no Instituto, que non podía coas matemáticas. Costáballe expresarse -non sei se por dislexia, timidez ou medo- pero púxeno a facer exercicios, e cabo de varios meses resolvíaos todos. Falei co profesor para explicarlle a circunstancia do rapaz, pero non me fixo caso; seguiuno intimidando e volveu suspendelo. Empezaba a Academia Jorge Juan en Xuvia, e os pais matriculárono. Sen presións recuperou a confianza, aprobou sempre en xuño, fixo carreira universitaria, e é un traumatólogo moi coñecido na cidade.

Por certo, a gran pedagoga María de Maeztu afirmaba: «Es verdad el dicho antiguo de que la letra con sangre entra, pero no ha de ser con la del niño, sino con la del maestro».