Os scouts

POR SIRO

FERROL

siro

No ano 1920 nacía en Ferrol o primeiro grupo de exploradores, que entrou a formar parte dos scouts europeos, e, ademais de marchas, charlas e acampadas, organizou actividades filantrópicas como festivais no teatro Jofre a beneficio dos feridos en África e dos damnificados no desastre de Cuba.

O meu amigo Yayo toleaba por ser explorador, pero era demasiado pequeno; a tía aproveitaba aquela devoción para darlle aceite de fígado de bacallao, dicíndolle que era o xarabe dos exploradores, e, como pegara na botella un debuxo dun explorador coa pica e a cantimplora, o neno críao e tragábao.

Os exploradores tiñan moitísimas cancións para os lobatos -os pequenos-, e os roberts -os maiores-; pero cando desfilaban sempre había alguén que os amolaba cantándolles outra que dicía: Exploradores, niños mocosos / que con el palo hacéis el oso / con la mochila y el correaje / parecéis mulas que van de viaje. En Ferrol, a canción continuaba: Mi madre ya no quiere/ que sea explorador/ porque todos los domingos/ le rompo un pantalón.

No 1940, o Ministerio de Gobernación enviou unha circular aos gobernadores civiles na que se ordenaba a suspensión de actividades da Asociación Nacional de los Exploradores de España. En rigor, non era unha orde de disolución, pero os exploradores desapareceron. Endebén, debe ser certo que quen é scout éo sempre porque cando, no ano 1965, Francisco Vázquez Fontenla, Pancho, botou andar en Ferrol un novo grupo baixo a protección do bispo Argaya Goicoechea, contou co asesoramento de antigos exploradores, como Ramon Vich, comisario do porto e gran coleccionista de soldadiños de chumbo que el mesmo fabricaba, quen creou a banda de gaitas do grupo; e de Juan Cancio, dependiente da imprenta El Correo Gallego, na rúa Real, onde estivera o xornal, antes que o levasen a Santiago. Un dos exploradores máis coñecidos na segunda época foi o mariño Gerardo García Pardo, dono dun pastor alemán que non pasaba desapercibido porque levaba no pescozo o pano dos scouts.

No 1967 os scouts ferroláns integráronse como Grupo 19 na Asociación de Scouts de España, que cinco anos antes presentara ao Ministerio de Gobernación os estatutos, solicitando a legalización, e conseguíraa. O presidente dos scouts españoles era Cristóbal Colón de Carvajal y Maroto, XIX almirante da Mar Océana e adiantado das Indias, descendente de Colón o descubridor.

Cantos o coñeceron en Ferrol no tempo que foi alférez de navío no Canarias, recórdano como un home simpatiquísimo, sinxelo no trato, e disposto a gozar da vida, que ETA lle roubaría, en Madrid, no ano 1986.

Os principios que o coronel británico Baden-Powell inculcara, en 1907, aos primeiros boys scouts seguen vixentes, de aí que os rapaces do Grupo 19, visitantes asiduos de San Cristóbal, arranxasen recentemente a capela e, que, por iniciativa súa, o neto de Guillermo Feal restaurase o cruceiro, roto polo temporal. Hoxe en Ferrol hai tres grupos de exploradores: Grupo 19, Guía Vasco da Ponte e Falxidre. Lévanse tan ben que hai poucos días se reuniron para papar unha espléndida paella no albergue de Esmelle.

siro@siroartista.com