Arriba e abaixo (II)

POR SIRO

FERROL

siro

Arriba, no máis alto da escala social ferrolá, estaban as familias con apelidos de mariños ilustres: González Aller, Núñez, Romero, Suances, Díaz del Río, Dolarea, Regalado, Pita da Veiga? Ingresar na Escola Naval Militar de Marín era o soño de moitos rapaces, e ter un noivo guardiamarina o soño de moitas rapazas. En canto chegaba á cidade a relación de aprobados, a rúa Real enchíase de mozos que lucían uniformes impolutos, e de mozas que lucían sorrisas de orella a orella. Non sei que éxito tería en Ferrol a película Botón de ancla, do ano 1948, pero a do 1960, protagonizada polo Dúo Dinámico, foi extraordinario. Recordo aquelas noivas noviñas, saíndo do Jofre, arreboladas, emocionadas.

Tamén as familias de altos mandos dos exércitos de terra estaban alá arriba. Hollywood chamabamos ao edificio de vivendas que para eles se fixera na praza de España, polas moitas estrelas que nel había. Sen embargo, en Ferrol os cadetes de Infantería e de Artillería cotizaban menos que os de Mariña, ao contrario do que sucedía en Zaragoza e Segovia.

No máis alto estaban tamén enxeñeiros navais como os González Llanos, Guerreiro, Morales, Murúa e Alcántara, que foi alcalde e fixo as casas de Recemil; os Casares da farmacia; os Suevos, os Boado?

Pero nos anos cincoenta agromou en Ferrol unha nova clase social formada por comerciantes e industriais, que, con laboriosidade e visión empresarial, subiron como foguetes. Non tiñan apelidos, pero tiñan diñeiro, que é poderoso cabaleiro. Arriba, ben arriba, chegaron os Botas, Eiroa, Pita Romero, Freire, Buyo, Evaristo, Beceiro? Algúns fixeron espléndidos chalés, que non citei no artigo anterior, como Pedro Fernández en Santa Cecilia, que xa non existe; e os Moreno en San Pedro de Leixa, convertido hoxe no restaurante Pazo do Monte.

A media altura estaban moitas familias do comercio e con profesións liberais; e abaixo todos os demais.

Eu estaba cos de abaixo, nunha casa que se repoñía do castigo da Guerra Civil, na que había moitas carencias. Meus pais, que por idade poderían ser meus avós, quixeron que estudiara e, mal aconsellados, cometeron o erro de meterme na Academia Rapariz, na vez de enviarme ao Instituto.

En terceiro descubrín que na casa faltaba un exemplar do Quixote, nunha edición preciosa, regalo do meu irmán cando marchara a Madrid, que miña nai vendera para pagar a matrícula. E sen embargo, como aquel personaxe de Calila e Dimna, cando ollaba atrás de min vía fogares máis pobres que o meu; nenos que viñan xogar cos meus xoguetes, cos que compartía a miña merenda.

Unha das cancións máis fermosas que se fixeron sobre a emigración a América é Un adiós a Mariquiñas. Estreouna Asunción Lantés, a primeira soprano da Compañía de Ópera Sieni, no teatro Tacón, da Habana, no 1894. Asunción Lantés era ferrolá, Chané, o compositor, fillo de ferrolán, e Curros adicou o poema a unha nena, Mariquiñas Puga, filla do avogado Luciano Puga e tía avoa do ferrolán Luis Porta de la Encina. Cando nos anos sesenta a necesidade levou a moitos galegos -tamén moitos ferroláns- a Suíza e Alemania, a música que lles chegaba da Terra era a de Voces Ceibes, de menor calidade, pero máis irada.

Unha boa resposta a aquel ministro que gustaba dicir que «en España no se le niega a nadie el sagrado derecho de emigrar».