Xa non hai augadoras, nin lavandeiras, porque non quedan fontes e as casas teñen auga e lavadoras. A imaxe das mulleres facendo cola, coas sellas nas fontes, semella moi antiga, pero os ferroláns do meu tempo vímolas na de Churruca, na praza de Armas, ata o 1951, cando se remodelou a praza; na de San Amaro, onde agora está a comisaría de policía; na de San Roque, fronte ao Parador; na de Ínsua, en Canido; na da Fama, fronte á Porta do Dique, ata que en 1958 se levou ante a porta do Parque; na da Feira e en todas as dos barrios. Recordo a Filomena e Consuelo, augadoras en San Amaro, que nas festas das Angustias facían a carón da fonte un altar para a Virxe, con dous cabaletes e unha táboa, e a xente oraba cantando.
Tamén vimos lavandeiras como Amalia e Maricarme, a súa filla, e Maruja e a nai do meu amigo Moisés, coas tinas de roupa na cabeza, camiño dos lavadeiros de Fontelonga en Esteiro; do Prado en Caranza; do río do Tronco, onde o colexio Belén; do de San Francisco, perto do primeiro cuartel da Garda Civil que houbo na cidade; dos de Canido, Ferrol Vello, Faxardo, e tantos outros.
En Ferrol sobraba a auga e na rúa do Sol aparecían manantiais, que compría encanar axiña. Nas chamadas Casas de Salomón, na rúa Real, fronte a Capitanía, había un baixo que tiña un patio andaluz cun manantial, sempre ao mesmo nivel. Pero como en Ferrol as casas con cuarto de baño eran poucas, houbo quen puxo un local de duchas públicas, na rúa do Hospital, entre María e Sol, ao que se podía levar toalla e xabrón para que o servizo resultase máis barato.
Hai oficios que se manteñen, pero diferentes. Aínda quedan afiadores, pero daqueles da miña infancia e mocidade só conservan o chífaro e a moa de afiar. Xa non empuxan o aparello de roda grande e dous pés, que van en motocicleta; e afian coitelos e tesouras, pero non tapan con remaches os furados no fondo de potas, tarteiras, tixolas e penicos, porque ninguén manda a reparar as potas, tarteiras e tixolas, e os penicos xa non se usan.
Pode que haxa máis costureiras que nunca porque poucas mulleres cosen, pero xa non van polas casas. Coa máquina de coser na cabeza, primeiro, e nunha maleta, despois, a costureira chegaba a ser, co tempo, como da familia dos clientes.
Tamén hai panadeiros e panadeiras, aínda que cada día sexan menos os que fan pan de verdade, pero só nas aldeas se reparte a domicilio. Á nosa casa viña una panadeira de Neda, noviña e moi linda, que se confiaba a miña nai e contáballe que tiña un mozo moi guapo, pero moi baixiño. Miña nai, que casara cun home moi grande, preguntáballe: «¿Pero é anano?»; «¡Anano non!». Respondía a rapaza. E miña nai dicíalle que, daquela, por pequeno non lle puxera chata, que había de chegar onde chegaran os altos. E foi bo consello, que casaron e foron felices.
Tampouco van as pescadoras vendendo polas rúas, con voces cantareiras: «¡Parrooocha, bacallao, xureliño frescooo?!» Nin as que vendían o máis humilde dos mariscos: «¡Hai miiinchas cocidas, gooordas..!» As leiteiras hai moito que desapareceron, pero antes que elas viña unha velliña cunha cabra, e ordeñábaa, á vista de todos, na casa dos enfermos. Aínda hai ferroláns que a recordan.
sirolopezlorenzo@yahoo.es