«Con Irisarri comportáronse de forma inxusta e despiadada»

f. fernández FERROL / LA VOZ

FERROL

O parlamentario deixa vía libre ao PSOE local para que elixa recambio

12 sep 2011 . Actualizado a las 15:29 h.

Xavier Carro Garrote (Cedeira, 1964) representa aos socialistas da comarca no Congreso dende o 2004, pero esta semana anunciou que deixa a política e que volverá a Navantia, ao seu posto como técnico electrónico en radiocomunicacións.

-¿Vaise porque non conta co apoio do PSOE ferrolán para repetir?

-Non, non, non ten ningunha relación. Non me preocupaba contar co apoio maioritario ou minoritario dunha agrupación, de Ferrol ou doutro sitio. Nesta ocasión, ademais, a posta en marcha do plan de reindustrialización da Costa da Morte facilitábame o apoio importante doutras agrupacións da provincia. Voume porque me sinto moi identificado con Zapatero, con Blanco e con Touriño. Formo parte dese ciclo político e agora arranca un novo con Rubalcaba; coincidiu tamén coa renovación do PSOE en Ferrol. O elegante é dar un paso atrás para que a nova dirección do partido elixa a outro.

-¿Quen cree que debería ser o candidato?

-A persoa idónea é Iván Puentes. É un político novo que pode aportar moitas cousas no Congreso, creo que é un valor en alza, unha aposta de futuro.

-¿Xa non lle queda ambición política?

-De momento voume tomar un tempo de relax. Non me plantexo máis obxectivo que rematar a lexislatura.

-¿Que opina de Beatriz Sestayo?

-[Silencio] Está por ver o que o seu período significará para o socialismo ferrolán. Deséxolle sorte pero na asamblea na que resultou elixida eu votei por Rosa Méndez.

-¿Cree que se comportou ben con Vicente Irisarri?

-De forma inxusta e despiadada. Vicente Irisarri é un dos alcaldes socialistas de Ferrol, iso é algo que sempre vai ser así e así quedará escrito nos libros de historia. O que temos que facer os socialistas é enorgullecernos do seu traballo, da súa figura, e creo que a fase final do seu mandato foi bastante lamentable. Non por parte del, senón por parte da dirección do partido.

-¿A quen ve de candidato á presidencia da Xunta? ¿A algún ministro ao mellor?

-Gustaríame que o candidato á Xunta fora un candidato con posibilidades de gañar e nese sentido unha das persoas que estaría en condicións de gañarlle a Feijoo sería Pepe Blanco.

-¿E formaría parte do seu equipo?

-Sempre estiven a disposición de Pepe para o que estimara oportuno.

-¿Como cree que será lembrado Zapatero como presidente do Goberno?

-So hai que lembrar como estaba valorado Felipe González nos últimos anos do seu mandato. É comparable ao que lle pasa a Zapatero. O tempo vai poñendo as cousas no seu sitio, e a historia faralle un oco como un presidente honesto e como o presidente máis de esquerdas que tivo España nunca.

-¿De esquerdas? Pero algunhas políticas que aplica son de dereitas, ¿ou non?

-Eu non o creo. A reforma da Constitución non creo que sexa unha medida de dereitas, si unha imposición da situación económica, é certo.

-Foi un dos deputados que se manifestou publicamente en contra da reforma.

-Bueno, tiven discrepancias polas formas, porque era partidario dun referendo e de facer un debate previo no grupo parlamentario. Pero houbo unha reunión na que se explicaron as razóns de imperiosidade económica pola presión dos mercados e o texto acordado é máis suave.