A Casa de Empeños

POR SIRO

FERROL

07 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Na longa crise económica que durou toda a década dos coarenta, eran moitos os ferroláns que facían virguerías para chegar a fin de mes. O anticipo, para os que tiñan a sorte de traballar en Bazán ou noutras empresas que o concedían, foi unha axuda relativa, porque, a fin de contas, só permitían a ilusión de cobrar unha paga en dúas veces. As familias con máis problemas podían acudir a algún prestamista, dos moitos que había na cidade, e que nos máis dos casos non eran persoas de gran fortuna, senón xente con capacidade para desprenderse de pequenas cantidades, por pouco tempo, e cobrando altos intereses.

Prestamista foi Maruxa Racú, a mandadeira; e había que vela con que xenio se enfrontaba aos morosos. Como ela, outros homes e mulleres que deixaron o alias en herdo aos fillos e netos, que aínda son coñecidos como «os do ou os da prestamista».

Quen posuía algo de certo valor, como unha xoia, un reloxio, unha prenda de vestir ou unha boa roupa de cama, tiña a posibilidade de levalo á Casa de Empeño, que en Ferrol, por aquelo da peculiaridade na fala, chamabamos Casa de Empeños, e que estivo primeiro na praza de Amboaxe, cando a Caja General de Ahorros de Ferrol ocupaba na rúa Real o edificio que hoxe é o da Caja de Pensiones de Barcelona, e despois, arredor do 1950, na praza de España, ao trasladarse a Caixa á ubicación actual.

Porque as Casas de Empeño ou Montes de Piedad -que cos dous nomes eran coñecidas- estaban asociadas ás Caixas de Aforro, pero, por estraño que pareza, non naceron como un apéndice das institucións financieiras, senón ao revés: as Caixas de Aforros naceron das Casas de Empeño.

Foi o sacerdote Francisco Piquer quen, para axudar ás familias humildes e loitar contra a usura, puxo en marcha en Madrid, no ano 1702, un proxecto que chamou Nuestra Señora del Santo Monte de Piedad de las Ánimas. Aquela primeira institución benéfica, que naceu cun capital de un real de prata, foi o xerme de todos os Montes de Piedad que xurdiron en España e o do importantísimo grupo financieiro que hoxe é Caja Madrid.

As Casas de Empeño funcionaron con vontade de servizo social. As prendas empeñadas tasábanse no xusto valor, os cartos prestábanse con rédito baixo, e cando o importe do crédito máis os intereses non era devoltos, levábanse os bens a subasta pública, que en Ferrol se anunciaba na pizarra do xornal El Correo Gallego, na rúa Real. Se non se acadaba o valor do préstamo, en Ferrol perdía o Monte de Piedad; se había excedente, dábaselle ao propietario. Aínda así, e por máis que Vicente Otero, o xefe do Monte de Piedad de Ferrol, e os empregados, como Manuel Cedrón, se esforzaban por facer o máis doado posible o trámite do empeño, a ninguén lle gustaba pasalo. E se resultaba difícil para as familias manifestamente pobres, peor era para as pobres vergonzantes, que botaban man de intermediarios. Endebén, como a todo nos afacemos, cando se achegaba o día de San Pedro, no Monte de Piedad empeñábanse ata os colchóns, para ir coa tarteira chea a unha romería, á que asistía o propio santo, de guaracha, e deixando soa a portería celestial. A Casa de Empeño de Ferrol pechou a finais dos sesenta, cando o aumento do nivel de vida a fixo innecesaria.

sirolopezlorenzo@yahoo.es