Nos anos cincuenta había en Ferrol varios chatarreiros sen chatarrería, como un señor que vivía detrás da miña casa, en Carlos III, que acudía ás subastas, e mercaba e vendía sen manchar as mans. Eu non sei se Milo Santos, - Siete Machos para os amigos- chegou a ter chatarrería ou non, pero el e un irmán maior ían de subasta en subasta por toda España, sobre todo a Cádiz e Cartagena. Eran fillos dos donos da ferreteria Santos, na rúa Benito Vicetto. Nos lotes que adquirían os chatarreiros ao por maior aparecían, ás veces, pezas metálicas de certo valor artístico ou histórico. Aquel Milo, ledo e divertido, que alegrou coa súa presencia as rondallas e tabernas de Ferrol, foi tamén un home xeneroso, e un día agasallou á muller dun amigo cun precioso candil de aceite, de bronce, procedente dun antigo galeón.
Sobriños de Milo Santos eran Pescadito, Icho e Jandro, tres rapaces que formaban panda con Joseíto el de Ochoa -fillo do primeiro matrimonio de Chiruquita, a do salón de beleza Garry-, e Galín -o Príncipe Galín-, Paco Quitina, Tito Pirata -así chamado porque perdera un ollo dun balinazo-, José Gallina, os de Anca, Pepe Conejo, Filipondio, os Mosquera e Rilitis. De todos eles, só Rilitis -o alias víñalle porque non pronunciaba o erre- ía ao rapateo; pero todos, en grupo, ían ao carbón da Mariña cando os barcos descargaban no peirao. Os mariñeiros botaban cal arredor do carbón e mandábanlles ensinar a goma dos zapatos, pero sempre se apañaban para birlar uns sacos que levaban a Chinito, un home da rúa do Cárcere, que o vendía pola rúa cun burro e un carro.
Despois que Felipe II ordeara expoliar as mámoas de Galicia en procura das xoias de ouro que os celtas, ao morrer, querían levar ao alén, resulta case imposible atopar metais valiosos nos vellos castros e nos lugares de enterramento. Cando hai coarenta e cinco anos se procedeu a ampliación de Astano, as excavadoras entraron a saco no castro das Pías. O mestre da escola de A Fonte do Campo, Emilio Marín, pai de Xaquín Marín o debuxante, empezou a recoller os anacos de cerámica que as máquinas sacaban á superficie; e despois, cando as máquinas acougaban no labor de destrucción, el mesmo excavou con tento e recuperou algunhas pezas enteiras. Un día presentóuselle na casa a Garda Civil para reclamarlle aqueles achados, que eran patrimonio nacional. Emilio Marín devolveu varios cacharros esnaquizados que os gardas mesturaron nun saco, pero gardou outros máis completos para explicar aos alumnos quen foran os celtas e como era a súa cultura. E, andando o tempo, aquel colexio de Fene foi premiado nun programa de TVE que se chamaba Operación Rescate, que animaba aos rapaces a coidar o patrimonio cultural español.
En Montecuruto todos os veciños coñecen a familia Bedoya. Menos serán os que recorden que nun dos seus terreos apareceu hai moitos anos un cofre de cobre cun tesouro formado por unha diadema de ouro, dous pares de arracadas, tamén de ouro; dúas moedas romanas, unha de Domiciano, outra de Nerón; dous aneis con incrustacións de pedras semipreciosas, e varias moedas de prata e cobre, de valor menor.
O Tesouro Bedoya está no Museo de Pontevedra, pero se os ferroláns tivesemos un museo de verdade, poderiámolo reclamar, porque é noso.
sirolopezlorenzo@yahoo.es