De neno aborrecía ir cortar o pelo. Aburrríame agardar a miña vez entre un grupo de homes que falaban e rían de cousas que eu non entendía, sabendo que cando me subisen a aquela silla estreita e altísima, e me puxesen arredor do pescozo un pano branco e grande que me cubriría os pés e me faría parecer un embudo, ía estremecerme coa friaxe dos dedos do perruqueiro e da maquinilla que me percorrería a cabeza toda, ata deixarme só a perrera. Cando cumprín sete anos miña nai decidiu que xa podía cortar o pelo ao Alfonso, e na vez de cabeza pelada con perrera lucín un pelo cortiño ao xeito do que levara o rei Alfonso ?non sei se o XII ou o XIII?, que dera nome ao corte.
Pero moito máis fría que as mans e a maquinilla resultaría a brocha con xabrón que sacaban dun cunco cheo de escuma, e que me pasaban pola cara antes de recortarme coa navalla as patillas e o rebique da caluga.
Coido que non somos conscientes do frío que pasabamos a finais dos anos coarenta, pero tiña que ser moito. Nas máis das casas non había outra defensa que os braseiros baixo os faldróns dunha mesa camilla; afortunados eran os fogares con cociñas bilbaínas, que seguían dando calor durante horas, despois de apagadas; privilexiados os que dispuñan de calefacción central con caldeiras de carbón. Ata na cama facía frío e había quen poñía nos pés un caneco de barro ou unha bolsa de goma, das que usaban os masajistas no fútbol, pero con auga quente, que baixo as sabas tamén era «auga milagrosa». Os sabañóns nos dedos das mans e dos pés, nos xeonllos e nas orellas, visibeis en tanta xente, dicían o crus que resultaban os invernos. Ir cortar o pelo en xaneiro era un acto heroico.
Eu ía á perruquería de Bolusiano, na rúa de Carlos III. Bolusiano era un home serio e calado, en claro contraste con Tito, o fillo, lareteiro e simpatiquísimo. Con eles traballaba Enrique, de poucas palabras, moi educado. Tiña un rapaz, Suso, algo maior ca min, que debuxaba moi ben; e unha nena moi linda, coxa, coido que por mor da polio. Tito era curmán de Mario Villamil, e un día pechou a perruquería para traballar de camareiro nos comedores de Astano.
O que me impresionaba era ver como o perruqueiro afiaba a navalla con pasta abrasiva sobre un aparello de coiro, ata conseguir que cortase un cabelo no ar, antes de pasala con moito tento pola cara do cliente. Aquel rissss, prolongado e uniforme en cada pasada da navalla, era como un discreto aplauso ao mestre barbeiro. Despois, a masaxe a dúas mans con loción de afeitado Floid, de olor e frescor inconfundible, e un minuto de fricción coa pedra Alumbre, de efectos terapéuticos ?que hoxe se usa como desodorante?, poñían fin ao afeitado.
O difícil era afeitar aos vellos, de rostros enxoitos, coas fazulas afundidas. Cando ía pasarlles a navalla pola meixela, o barbeiro dicía: «¡Hincha!», e os vellos enchían a boca de ar. En Burgos houbo un barbeiro que se valía dunha pelota de ping pong.
Un día entrou un vello a afeitarse, e o barbeiro ordeoulle: «¡Hincha!». «¿Qué pasa? ¿Hoy no me pones la bola?» Protestou o cliente, e o barbeiro disculpouse: «Se la ha tragado el Paco, y hasta mañana no me la devolverá».
Un día entrou un vello a afeitarse, e o barbeiro ordeoulle: «¡Hincha!». «¿Qué pasa? ¿Hoy no me pones la bola?» Protestou o cliente, e o barbeiro disculpouse: «Se la ha tragado el Paco, y hasta mañana no me la devolverá».
sirolopezlorenzo@yahoo.es