A cea do ano era a de Noiteboa. O polo era o manxar estrela, pero había casas que poñían cabrito, ou peixe da calidade do besugo, a merluza ou o linguado. Noutras seguían a tradición de cear coliflor con bacallao.
Na miña casa, na comida do día 25 nunca faltaba o caldo limpo ou a sopa de fideos, feita cos menudos da galiña ou do polo. Logo viña o cocido, no que había un pouco de todo o porco, desde o fuciño ao rabo, e a verdura, os garabanzos e os chourizos.
A cea de Ano Vello era outra cousa. Na vez de polo había coello asado con pataquiñas redondas, e antes unha sopa. As larpeiradas eran as que quedaran de Noiteboa e Nadal: pouco turrón, pouco mazapán, e máis froitos secos.
Nos primeiros anos de casados, a miña irmá e o meu cuñado pasaban a Noiteboa na casa dos meus pais, e a de Ano Vello na casa de Filomena, a nai del, na rúa de Lugo. Esa noite meu pai viña cedo para cear e irmos despedir o ano no cine. Case sempre iamos ao Callao ou ao Jofre.
Ao Callao, ao patio de butacas, e ao Jofre a tertulia; pero nos dous casos véxome entre as pernas dos adultos, recollendo, emocionado, o paquetiño coas uvas, para tomalas ás doce, ao ritmo das bateladas. Levar o ritmo era para min o único problema, pero algúns amigos que quedaban na casa e escoitaban na radio as do reloxio da Porta do Sol, tiñan que cuspir a primeira uva que metían na boca, cando o locutor advertía que aquelas bateladas non valían, que eran as dos cuartos, como aínda pasa hoxe.
Coa entrada do cine -la localidad. «Deme dos localidades de butaca», dicíase- había que pagar o auxilio social, un emblema de cartón que levaba pintado o escudo dunha provincia española. Como costaba trinta céntimos-tres perras gordas, en lingua coloquial en toda España; tres patacóns en Galicia; tres motas en Ferrol- o enxeño popular argallara unha canción que dicía: «Antes con media peseta/ te comprabas un chorizo y un pan de a real/ y ahora por tres perras gordas/ te encajan la chapa de Auxilio Social».
Non sei cantos bailes de fin de ano habería no Ferrol dos primeiros anos cincoenta, pero os dous máis importantes eran o do Casino, de etiqueta, e o do Círculo Mercantil, menos esixente coa indumentaria.
O do Casino estaba amenizado pola Orquestra Trébol, con Alfonso Salas de vocalista, que sempre remataba a actuación cantando «Apaga a luz, Maripepa, apaga a luz», como un precursor de Gayoso en Luar. Na porta, o conserxe Eudosio Acitores, realzaba coa súa presenza marcial a solemnidade do evento.
Pero a verdadeira celebración estaba na rúa. As cafeterías cobraban máis esa noite, e aínda así estaban cheas, de aí que moita xente trouleira ficase nas casas ata as dúas ou tres da mañá e saíse logo coas botellas a percorrer a cidade.
A rúa Real semellaba invadida por unha marabunta humana, pero había ambiente por todas partes. Almorzar o chocolate con churros en Bonilla ou na Cafetería Avenida era un luxo que se permitían algúns, e tomar unha cunca de caldo limpo polo mediodía, antes de empezar coas de ribeiro, era unha necesidade de moitos trasnoitadores.
sirolopezlorenz@yahoo.es