As leiteiras de Covas

POR SIRO?

FERROL

14 nov 2010 . Actualizado a las 02:07 h.

En Covas había escolas públicas na Pedreira, Papoi e Aldea, e unha privada -a do Valexo- en Papoi. En Esmelle estaba a pública para nenos -a de don Germán Castro, pai do ex director do Diario de Ferrol- e outra para nenas.

A carón da escola do Valexo, na Cocheira, estaba a tenda de ultramariños do Carteiro e moi perto dela a de José da Longra e Sara, a muller. Outra non menos importante era a de Primo, fronte ao Café Bar Cobas, no que os veciños botaban a partida.

Coñecido como A Quincalla era o comercio de Hipólito e Lita, onde a xente mercaba fíos, agullas, dedais, cortinas, retais, puntillas, etc. O dono, coñecido como Hipólito da Mourela, era «mestre ferrador de equinos» no Exército de Terra e, curiosamente, escribiu todo canto naquel tempo se sabía sobre a mina de ouro de Covas.

Poucos bañistas imaxinarán que ata o ano 1914 en que comezou a Gran Guerra, naquel entorno tamén se viviu a febre do ouro. Non só os veciños de Covas -sobre todo veciñas-, senón xente chegada de Lugo e Asturias traballaron na mina que descubriran os romanos e que volveron explotar os franceses.

Os veciños de Covas fan mofa do traballo dos últimos buscadores de ouro, que nin sequera ousaban entrar na galería por medo a que lles viñese enriba. En troque, eloxian o bo traballo que facía Emilio na panadería, e que seguen a facer os seus fillos. Alá no ano 46 ou 47 afogou Manolo, o irmán de Emilio, cando ía aos percebes; unha morte moi chorada, que era home benquerido.

Percebeiros eran tamén José e Ramón de Estrela, pai e tío, respectivamente, de Juan Fernández, o edil ferrolán e ex conselleiro de Industria. Seica Ramón era o home máis forte de Covas, que pasaba todo o ano no mar, rompendo as ondas co peito.

Se Juan Fernández foi sempre Pata para os que o coñecemos de vello, seu pai foi sempre en Covas o Pinche, porque era ferreiro e aprendera o oficio traballando co vello Cachaza, nos talleres da rúa do Sol. José era home de bo humor e dicía con sorna: «¡Manda carallo, toda a vida traballando, e nunca pasei de pinche». Pode que por iso viñera coa familia a Ferrol e montara o bar Buenos Aires naquela rúa do Sol, que lle resultaba tan familiar.

Pero os profesionais máis importantes de Covas eran as leiteiras. A finais dos anos coarenta viñan coas enormes calderetas de trinta e tantos litros na cabeza, sen máis protección que un trapo enrolado que chamaban «a molida», poñendo a proba a resistencia das cervicais. Todas tiñan cadanseus clientes con responsabilidades importantes en Bazán, Astano, Mariña ou o Estado, e todos lles estaban agradecidos por recibir na casa un produto de calidade, que se consideraba valiosísimo na defensa contra a tise; de aí que aos mozos de Covas non lles resultase difícil atopar traballo en Ferrol.

Aquel «Corpo Diplomático das Leiteiras de Covas» estaba integrado por Virtudes, de A Fonte de Vidre; Josefa da Avieira e Carmen de Marina, de Cobarradeiras; Mercedes a Perillana, de Aldea; Josefa da Marica, de Prioiro; a Bancaneta, de Raxón; a Paxariña e Lita, de As Cabazas. Aínda hoxe, con máis de oitenta anos, Lita baila que non para en calquera festa onde haxa música.

Pero un día empezou a dicirse que as leiteiras botaban auga ao leite, e foi tal o clamor, que as autoridades ordenaron á garda municipal unha vixilancia estrita, na que acadou sona o garda Iglesias, que logo sería sarxento e despois acadaría a xefatura. Os gardas metían a cala no leite e se a densidade do líquido era menor da que tiña que ser, determinaban que levaba auga e á leiteira caíalle unha multa. Peor foi cando alguén asegurou que as leiteiras descubriran que os ouriños tiñan a mesma densidade do leite e que mexaban dentro da caldereta. O rumor tivo éxito e aínda hoxe moitos ferroláns pensan que era certo.

sirolopezlorenzo@yahoo.es