Entre os recordos máis vivos da primeira infancia están as viaxes en lancha que a familia facía para pasar un día de festa en Mugardos, Maniños ou O Seixo. Lembro o temor que sentía ao poñer o pé na embarcación, que non deixaba de abanearse; o arrecendo da mar durante a travesía, as pingas de auga que me mollaban a cara cando conseguía sentarme na proa para ver como a lancha arrastraba as algas entre a escuma branquísima? A viaxe en lancha á outra banda era para os nenos dos últimos anos coarenta unha pequena aventura.
En Ferrol aínda hai quen fala das lanchas de Chirivías, dous irmáns propietarios das lanchas de Mugardos, que non naceran para empresarios e que pouco antes da Guerra Civil llas venderon a Jerónimo Vila Covas, dono dun pequeño estaleiro na ribeira mugardesa. Despois do triunfo do Alzamento as novas autoridades paralizaron a iniciativa da Cooperativa Obreira (Lancha Obrera), polo que a única empresa de transporte de pasaxeiros foi a de Vila, con tres lanchas bautizadas cos nomes Ferrol del Caudillo, Generalísimo Franco e Villa de Mugardos.
Dous mugardeses -os irmáns Luis Dieste Bastida, patrón coñecido por Lucho o de Rianxo, e José, maquinista-, pensaron en crear outra empresa, pero só posuían unha lancha, La Josefita -que fora da familia Painceiras, de Perlío-, polo que buscaron socios capitalistas, e atopáronos en Argimiro Guillen Madriñán, boticario e máis tarde alcalde de Mugardos, e o seu pai. O día 1 de nadal de 1947 nacía a empresa Diesgui -Dieste e Guillén- con tres lanchas vellas: La Josefita, La Marina -que estivera facendo a liña de A Coruña a Santa Cristina-, e El Alegre, mercado á Constructora. Para atendelas contaban con cinco empregados: Andrés Martínez -antigo xerente das Lanchas Obreras-, o maquinista Manuel Casal Fernández, os proeis cobradores Manuel Vila Martínez e Manuel Martínez Rojo, e o garda Juan Vila Romero.
E empezou a competencia. A Comandancia de Mariña, con bo criterio, fixou as horas e as medias para que as lanchas de Vila saísen de Ferrol e de Mugardos, reservando os cuartos para as de Diesgui.
Seica foron os veteranos da empresa Vila quen empezaron a incumprir os horarios de saída para restar pasaxeiros aos rivais, pero cabo de pouco tempo os de Diesgui aprenderan a trécola e facían o mesmo. As lanchas de Vila eran novas, grandes e con defensas, e ao chegar ao peirao compartido os patróns procuraban chocar coas de Diesgui -con personal sen experiencia nas manobras de atraque, mal equipadas e sen defensas- para obrigalas a bater contra os muros de pedra e causarlles avarías.
E conseguíano, que o Alegre, malia o seu nome, collía auga e tiña que ser achicado arreo. Ademais, por ser Jerónimo Vila o práctico do Porto de Ferrol, a empresa Diesgui tiña problemas ata para mercar carbón. Como era de esperar, aquela tensión levou a enfrontamentos das tripulacións, que máis dunha vez remataron cun cruce de labazadas.
Inverno ruin
O inverno de 1947 foi ruin, con temporais que non permitiron ás lanchas de Diesgui atracar no peirao de Mugardos, tendo que desembarcar os pasaxeiros no da Redonda, ou por medio de botes auxiliares, na ribeira de Santa Lucia. E sen embargo, os usuarios apoiaron ao máis feble, e o 1 de febreiro de 1948, despois dun xantar no restaurante Fornos, de Ferrol, Jerónimo Vila, vendeu a empresa aos seus rivais por 1.700.000 pts., co compromiso de que se respectarían os postos de traballo.
José Dieste Bastida case non puido celebrar o éxito porque o levou a tise no ano 1949, pero Luis foi socio e xerente da nova empresa. No 1978, o seu amigo Joaquin Gomez Bueno, Quinín, da familia propietaria das lanchas de A Graña, adquiriu a parte dos Guillén, e a nova sociedade pasou a chamarse Pasajes Marítimos Dieste-Gómez S.L. da que Dieste seguiu sendo xerente ata o ano 1993, en que se xubilou e vendeu a súa parte ao socio. As lanchas de Mugardos desapareceron no ano 2002. Luis Dieste ten hoxe 87 anos e está forte como un buxo. Viviu sempre vendo o mar, adicado ás lanchas e ao remo, a gran paixón en tempo de ocio. Ser empresario non foi unha tarefa doada para el, e, non obstante, non me estrañaría que se algún día, cabo de moitos anos, descobre que no Alén hai mar, decida crear un servizo de lanchas de pasaxe para levar os benaventurados polos círculos do Paraíso.