Recordarán moitos dos lectores máis veteranos o vello anuncio do tardofranquismo no que a compañía estatal Renfe invitaba aos viaxeiros a utilizar unha vetusta oferta ferroviaria para os seus desprazamentos. Daquela os trens de friameira e bota de viño competían malamente co puxante coche propio, protagonista dos atoamentos domingueiros á entrada de Madrid e outras grandes e pequenas cidades. Coas colas ironizaba outra compañía tamén estatal, poñendo grandes carteis nos que proclamaba «Con Iberia ya habría llegado» para promover os seus reactores, polo menos aos executivos. Tren, coche e avión formaron un trespés inestable no que a pata ferroviaria foi esmorecendo a favor das catro rodas e dos jet, ata o advenimento dos AVE -nada que ver con saúdos romanos nin con animais emplumados- canda a orxía nacional de 1992, léase Expo ao Sur e Olimpíadas ao Leste. A alta velocidade nos trens e os vos baratos nos avións debuxaron un novo escenario para os desprazamentos de media ou longa distancia na era B.I. (da Burbulla Inmobiliaria), iso si, naqueles afortunados territorios que contaban con parada e fonda destes transportes. A outra alternativa, o cochiño -nada que ver co digno porco- atopou novos vieiros na chea de quilómetros de camiños de asfalto que deixaron as subvencións da UE xestionadas polo grupo EADCIA (Estado, as Autonomías, as Deputacións, os Concellos e as Iniciativas, ou sexa as Autopistas). A algúns aínda lle souberon a pouco, cando case completada autopista a Ferrol se facía a enésima proposta de Ponte-das-Rías para engadir máis asfalto, esta vez cruzando a Marola. En troques, moitos dos ártabros, habitantes da Cidade das Rías, soñamos para a era d.B.I. -despois da B.I., xa saben- con coller un dos numerosos trens rápidos que unirán o Castro de Ferrol co Castro de Coruña para facer unha xestión, ver algo no Jofre ou no Rosalía de Castro, ou darse un paseo por algún dos dous Cantóns, segundo cadre. Non tarden: queremos ir en tren.