O día 10 xubílase como director do Museo do Humor, pero é todo actividade: vai publicar dous libros á vez
26 sep 2008 . Actualizado a las 11:40 h.Xaquín Marín, ferrolán do barrio de Esteiro e galego universal, vai publicar nas próximas semanas dous novos libros: un dedicado a un dos seus personaxes máis populares, Isolino, e outro o seu primeiro cómic, que debuxou nos anos a comezos dos anos 70 do pasado século e que desde aquela permanecía inédito. Onte pronunciou na Biblioteca Municipal de Ferrol unha conferencia sobre ilustración.
-Inmersos todos na era dixital, vostede segue debuxando a man. É, en máis dun sentido, o que se di un clásico...
-En realidade, eu case sigo coa pizarra. Dediqueime tanto a debuxar ao longo da vida que non tiven tempo de investigar niso que chaman as novas tecnoloxías. Aínda que non as desprezo, tampouco. Pero a min interésame sobre todo o que se crea coa as mans.
-¿Como é que o seu primeiro cómic, ou banda deseñada como adoitan dicir, permaneceu inédito ata agora...?
-Aquilo era o primeiro traballo dun rapaz que quería facer cómic e que se fixaba moito no que outros, como o basco Juan Carlos Eguiyor, estaban a facer daquela. Gardei aquel traballo, non me desfixen del pero naquel momento, a verdade, a min non me parecía moi publicable. Hoxe, en cambio, os amigos que o viron decidiron rescatalo do caixón no que estaba. Vaino publicar a editorial El Patito .
-O 10 de outubro xubílase como director do Museo do Humor de Fene. ¿Que vai pasar despois...?
-Espero que o museo continúe o seu camiño. A min doeríame moitísimo ver desaparecer unha institución así. As persoas pasamos, non somos indispensables, pero o Museo do Humor segue sendo necesario, ademais de único.
-¿Vaise con pena?
-Con pena si, pero ao mesmo tempo tamén con ledicia. Paso a non depender case de ninguén, pero deixo un museo que tamén é a miña obra. Ao día seguinte de xubilarme marcho, por certo, a Grecia, invitado polo parlamento con outros debuxantes europeos. ¡Espero que Atenas me axude a combatir a melancolía!