«O uso da violencia é algo que hai que tratar de evitar sempre»

R. Loureiro

FERROL

Policía local, experto en artes marciais e instructor no uso de armans non letais, José Luis Brage (Ferrol, 1970) está convencido de que a tecnoloxía permite, hoxe, no seu traballo, evitar o uso da violencia.

-Con todo, non me negará vostede que as chamadas armas non letais, como as pistolas taser, que provocan unha descarga eléctrica, non teñen precisamente unha boa imaxe...

-Si, iso é verdade. Pero a razón é que se descoñece o asunto en profundidade. As pistolas taser permiten hoxe reducir a un detido sen causarlle ningún tipo de dano, non provocan outro efecto que a inmobilización...

-¿E o seu uso vai a máis ou a menos?

-En Europa utilizánse cada vez máis, por unha razón obvia: o uso da violencia é algo que hai que tratar de evitar sempre. En Francia é un recurso que teñen á súa disposición os axentes de todas as policías. E en España é algo que está crecendo entre os corpos policiais de Canarias, Baleares, Valencia, Alicante... É algo que eu vexo medrar a través dos cursos que imparto.

-¿E en Galicia?

-En Galicia a situación é completamente distinta. A pesar de que a lexislación permite usar este tipo de material, e que a súa utilización é especialmente recomendable porque che permite inmobilizar a un infractor, como antes che dicía, sen danalo, segue sendo algo completamente minoritario. E iso non é nada bo, porque todos temos que traballar para evitar causar lesións. A pistola taser do modelo X-26 , por exemplo, cunha descarga de cinco segundos, provoca un bloqueo muscular que fai que a persoa deixe de moverse sen terlle que facer nin o máis mínimo dano.

-Vostede, como policía, ¿percibe que a violencia na rúa está indo a máis?

-Digamos que o que se percibe é que cada vez se producen máis situacións violentas. Agora hai xente que se comporta de xeito moi agresivo, e iso fai, por suposto, que o teu traballo se complique. Creo que é malo que haxa unha certa sensación de impunidade... que non axuda nada. E tamén me doe ver o que está a pasar con moitos rapaces, por falta de valores nas casas.