Cáritas, un labor impagable

R. Loureiro

FERROL

Vicepresidencia aumentará o seu apoio á organización humanitaria da diocese de Mondoñedo-Ferrol

20 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Dicíao onte, no local ferrolán de Cáritas Diocesana, a concelleira e profesora Elia Rico: «Este é un labor que hai que apoiar sempre, o que aquí se fai. Porque a nosa sociedade ten a obriga de traballar para integrar aos que se senten excluídos, aos que se viron marxinados por calquera razón». A concelleira do BNG acudiou onte á sede de Cáritas acompañando á secretaria xeral de Benestar, María Xesús Lago, e á delegada provincial de Vicepresidencia, Tareixa Novo, nunha xornada na que se anunciou que Vicepresidencia incrementará o seu apoio á organización humanitaria da diocese de Mondoñedo-Ferrol.

Benestar inviste actualmente «máis de 170.000 euros nos distintos programas e servizos de inserción social e laboral que están en marcha no Concello de Ferrol». Algo que, segundo subliñou María Xesús Lago na sede de Cáritas, ten «entre as súas principais iniciativas, a creación dunha rede de equipos de inclusión, a aposta pola atención a colectivos específicos e, sobre todo, a actuación sobre os factores que producen a exclusión social, así como o impulso da coordinación interdepartamental».

No caso concreto de Cáritas, Vicepresidencia, con cargo ás actuacións do seu Plan de Inclusión, vai impulsar o seu programa para «a rehabilitación persoal e a inserción social e laboral de persoas sen fogar». Un programa, sinala a propia Administración autonómica, que «non só brinda atención urxente para paliar carencias das persoas, senón que oferta itinerarios de inserción mediante un acompañamento social, psicolóxico e mesmo sanitario ás persoas que participan, traballando con elas a educación en valores e habilitades sociais e a súa derivación a pisos tutelados que preparan a súa plena integración na sociedade».

Na actualidade, Cáritas Diocesana atende, no seu centro de día ferrolán, a unha media de 50 de persoas sen teito, entre as que se encontran cidadáns do perfil más diverso.

Noutra orde de cousas, María Xesús Lago tamén anunciou onte que en Ferrol Vicepresidencia vai impulsar senllas iniciativas de carácter social vencelladas, respectivamente, á Asociación Síndrome de Down Teima, que traballa fundamentalmente no ámbito de «inclusión social e laboral», e coa Asociación O´Mencer, entidade pertenecente á orde relixiosa das Oblatas e institución que, pola súa banda, desenvolve «un programa de información, formación e incorporación socialaboral dirixido a mulleres en situación de explotación laboral e sexual».