Memoria de Crecente Vega

FERROL

A lembranza do poeta estreitará mañá os lazos de afecto entre Ferrolterra, a Terra Chá e Mondoñedo

06 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Esa Galicia do Norte que se corresponde, tanto no espiritual como no literario, coa diocese de Mondoñedo-Ferrol, fará mañá aínda máis intensos -se cabe- os lazos de afecto entre as súas terras. E será arredor da memoria dun dos grandes poetas do pasado século, Xosé Crecente Vega (A Chaira, 1896-Segovia, 1948), o autor de Codeseira . Por iniciativa do Colectivo Cultural A Carón da Lareira, que coordina Fernando Puente, coa colaboración da propia diocese e coa asistencia de autoridades municipais dos concellos de Ferrol, Narón, Castro de Rei e Mondoñedo, celebrarase unha xornada que inclúe, entre outros actos, a creación dunha ruta dedicada a Crecente.

Tras iniciarse o percorrido ás 11 da mañá no Cantón de Molins, diante do que hoxe é a Fundación Caixa Galicia, o edificio no que Crecente, sendo sacerdote xa, cursou estudos de Bacharelato, os participantes no encontro trasladaranse á igrexa de Santa Rita de Xuvia, da que o poeta foi sacerdote, e alí haberá un recital poético.

Xa pola tarde, ás 16 horas, en Santa María de Outeiro, no municipio chairego de Castro de Rei, celebrarase unha ofrenda floral sobre a tumba de Crecente, que descansa no interior do templo desde que os seus restos foron traídos a Galicia desde Segovia. Ás 16.45 horas farase unha visita ao lendario Carballo de Luxís, árbore á que Crecente lle dedicou un dos seus máis fermosos poemas. Alí, os asistentes, entre os que haberá escritores de toda Galicia, farán unha simbólica ofrenda de palabras, depositando naquel lugar textos manuscritos alusivos ao poeta.

Na capital mindoniense

A xornada terá o seu punto final en Mondoñedo, a cidade irmá de Ferrol. Será no seminario de Santa Catarina, eixo vertebrador da Escola Literaria Diocesana á que pertence a obra de Crecente e para a que se demanda a concesión dun Día das Letras Galegas. Alí, onde Álvaro Cunqueiro -tan devoto dos versos do poeta que será homenaxeado mañá- leu en voz alta Tesouros novos e vellos , o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, celebrarase unha mesa redonda na que tomarán parte, entre outros poñentes, Mercedes Carbajales, concelleira de Educación en Ferrol e durante anos directora do instituto do que Xosé Crecente Vega foi alumno, Ricardo Polín -autor da edición crítica da obra completa de Crecente Vega- e o chanceler da curia, Félix Villares Mouteira.