A Casa da Cultura de Fene amosa dende onte a relación de Rosalía e Cabanillas a través do viño

La Voz LA VOZ | FERROL

FERROL

A proxección da cultura do viño nas obras de dous dos grandes escritores galegos, Rosalía de Castro e Ramón Cabanillas, recóllese dende onte na nova mostra aberta na Casa da Cultura de Fene. Rosalía e Cabanillas a través do viño é o nome da instalación habilitada pola Fundación Caixa Galicia no local fenés ata o vindeiro 23 de febreiro. A exposición está composta por unha serie de paneis que recollen unha retrospectiva da vida dos dous escritores, unha referenza ás súas respectivas casas-museo e unha reflexión sobre os traballos dos autores en referencia ás vides e ao viño. A mostra poderase visitar de 16 a 21 horas, para o público xeral, mentres que as escolas e grupos organizados poderán asistir mediante visitas guiadas polas mañás. Para isto, será necesario pedir cita por anticipado na mesma Casa da Cultura.