«Parece que se nos trata de deixar fóra do Plan do Carbón»

FERROL

Entrevista | Francisco Dasilva O concelleiro pontés argumenta a súa preocupación sobre o futuro de Endesa e apunta as posibilidades para unha localidade de gran tradición industrial

22 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

O responsable municipal da industria pontesa tivo nas últimas semanas actividade dabondo. A amenaza sobre os postos de traballo de Italtel, finalmente asumidos por Arteixo Telecom; os temores sobre unha posible reducción da actividade da central térmica de Endesa; o futuro incerto da vila dentro do Plan do Carbón... Houbo motivos para a preocupación nun concello que, pese a todo, Dasilva defende como moi atractivo para a actividade industrial. -Coa corrección á alza da cuota de emisións, ¿seguen vendo negro o futuro? -Negro, oxalá. Se puidéramos seguir queimando carbón... Aínda coas correccións matemáticas, o panorama non é a expectativa de futuro que tiñamos antes do plan de asignacións, no momento no que se está a falar da transformación de catro grupos, e polo tanto da supervivencia da central durante vinte ou vintecinco anos máis, o que posibilitaría que o Concello de As Pontes planificara e variara o seu futuro, deixara o monocultivo de forma definitiva e buscara outras alternativas de supervivencia. Dende logo, non vai ser esta a situación e vaise notar. Entendemos que o que vai ocurrir é unha diminución paulatina de actividade. Non o vamos a notar pasado mañá, nin a final de ano, pero ímolo ir notando no tempo de forma progresiva. Vai haber una diminución da actividade que vai afectar a todos os sectores. E non só en As Pontes, senón na comarca e en Galicia. Isto obriga a tomar decisións de futuro máis repentinas e menos sopesadas do que estaba previsto. -De todos xeitos, xa sabían que o carbón non é a materia prima que máis se promove cara ao futuro. -Bueno, que o carbón non sexa o combustible do futuro non o temos tan claro. O que temos claro é que a mina de As Pontes ten unha vida útil que remata o 31 de decembro do 2007. Tampouco podemos negar que a propia central, por moita transformación que se lle faga, tamén ten unha vida útil. Non podemos estar pensando no noso futuro exclusivamente cunha central térmica. Iso, máis tarde ou máis cedo, vai a rematar. O que estamos a pedir é que sexa máis tarde, que nos permita diversificar. É certo que se puido ter planificado todo isto dende o ano 75. Non se fixo, porque a todo o mundo o 2005 sonáballe moi lonxe. Pero a perspectiva era outra, a de vinte ou vintecinco anos. -¿Cales poden ser as principais alternativas económicas de futuro? -Podemos recuperar parte dun sector primario que está esquecido desde que comezou a explotación industrial, e sobre todo orientarnos ao sector servicios, turístico, de ocio e tempo libre. Podémolo planificar por aí. Pero iso leva tempo. O modelo de vida e de pervivencia dun territorio non se fai en dous anos nin en dez. -¿Que posibilidades hai de que As Pontes se manteña entre os beneficiarios do novo Plan do Carbón 2006-2012? -O que nós manexamos é un texto que propón Acom [Asociación de Comarcas Mineras] para debatir no Parlamento, que ao parecer conta co visto bo das forzas maioritarias, PP, PSOE e IU. É un texto que fala claramente de definir un novo mapa mineiro tendo en conta que hai comarcas que teñen unha actividade mineira residual e que deberían quedar fóra. -¿Iso inclúe solapadamente a As Pontes? -Non o sei. O certo é que o Plan da Minería actual orientou o seu esforzo inversor, sobre todo no capítulo de infraestructuras, a zonas non exclusivamente mineiras, cando o que dí o Real Decreto que o regula é que só poden ser beneficiarios os concellos mineiros, nin sequera os limítrofes. Por aí vemos unha posibilidade de quedar fóra de xogo. Ademáis, o carbón de As Pontes, lignito pardo, non está considerado estratéxico nin está primado, e as súas reservas explotables rematan no 2007, co cal non temos suficientes garantías de que poidamos ir para adiante. Pensamos que deberíamos estar, pero parécenos que se nos trata de deixar fóra. -¿Que sabe o Concello dos plans de Arteixo Telecom en As Pontes? -De momento, desconocemos o plan tecnolóxico. O único que sabemos é que van a tentar de manter o contrato con Auna polo tema dos descodificadores. -¿Como vai a ampliación do polígono de Os Airíos? -Nese polígono, que é estrictamente municipal, tiñamos en torno a 160.000 metros cadrados de superficie industrial que están esgotados. Agora negociamos con Endesa un terreo xusto ó lado e logramos amplialo en 145.000 metros. A tramitación está prácticamente rematada, e esperamos que antes do verán podamos facer venta de parcela directa. E hai un interés por ese chan industrial preto á plena ocupación antes de telo rematado. -Non está clara a financiación dun dos tramos da autovía Ferrol-Vilalba. Isto é unha tremenda hipoteca para As Pontes, ¿non? -Para As Pontes, para Ferrol... Hai que darse conta de que a famosa Transcantábrica tratou de sustituirse por esta. E sen ela, quedamos illados. É unha das conexións máis importantes a nivel galego, con moita diferencia.