DENDE ESCANDOI | O |
14 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.TEÑO UN amigo -a ver: en realidade, e gracias a Deus, teño varios, pero isto que lles vou contar, concretamente, só o di un- que xura que na fraga do Belelle, e sen necesidade de terlle cargado ó alpiste , algunhas veces, despois de que marche o sol e se non hai moita lúa, el ve pasar unha procesión das ánimas na que vai, á cabeza de todos os defuntos, o espírito de Frei Antonio de Guevara -xa saben: o que Cervantes menciona no limiar do Quijote, o que despois foi confesor de El Rei e inquisidor- montado nunha besta branca e cantando, moi baixiño, unha canción. A min, a verdade, a procesión das ánimas non se me apareceu nunca, nin nesa fraga tan fermosa nin en ningún outro lugar, qué máis querería. E xamais se me presentou, tampouco, o anano gardador de tesouros que din que vixía o alto de Marraxón, nin a barca de pedra que navega, portando santos, nas costas do Ortegal, nin a serpe con ás que se bañaba na ría de Ares, nin a Voadora de Esmelle... Pouco proclive a prodixios, nunca sentín falar as pedras de Chamorro, nin sentín tocar as campás da desaparecida colexiata de Breamo, nin vin alzarse dos esvaídos sepulcros os cabaleiros enterrados en Caaveiro... Qué va. ¡Aínda non vin nada! Pero non desespero. Sigo buscando por onde andan cada vez máis sendeiristas e peregrinos. ¡Ah, e fíxense! ¡O que si sei é por qué os antropólogos falan dos camiños invisibles! Debe de ser porque eles, aquí, tamén se perden. Así que eu pregunto, señores xestores das cousas turísticas: ¿costará tanto poñer algún indicador máis?