Un sector ante a encrucillada

Torcuato Teixeira

ESPAÑA

21 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A pesca galega está á espera de que, despois do 25 de maio, as cousas, xa non que vaian para ben, senón que polo menos non empeoren máis. O regulamento base da nova política común pesqueira (PCP) non é precisamente unha obra da que nos podamos sentir orgullosos, aspectos como a prohibición dos descartes (un problema máis de reputación para UE que outra cousa, como recoñeceu hai dúas semanas en Burela un alto funcionario da Comisión nas xornadas técnicas de Expomar), ou o mantemento do criterio de reparto das cotas pesqueiras de hai 30 anos, onde sae discriminada España, son estigmas que perseguirán a flota galega durante os próximos 10 anos.

O Parlamento Europeo que saia a partires do 25 de maio xogará con este marco tan desalentador do que, ademais, é cómplice, dadas as competencias en diversas materias relacionadas coa Pesca das que dispón esta institución. Así que estaremos de novo nos próximos anos ante os sobresaltos auspiciados pola ala verde do Parlamento Europeo, en comunión co Comisario de turno e países que nada se xogan na pesca, para seguir mutilando a unha actividade económica esencial en rexións europeas como Galicia.

Dicía en Expomar Ernesto Penas, alto funcionario da Comisión de Pesca, que «a pesca ten que adaptarse á nova PCP para sobrevivir», pero a pesca galega non quere sobrevivir, quere vivir e desenrolarse de acordo co seu inmenso potencial, e para iso, de verdade me temo, que non necesitamos o Parlamento Europeo, sobra despotismo ilustrado de uns e outros, e falta vontade política para que a pesca sexa tratada como un sector económico básico para a soberanía alimentaria da UE e en pe de igualdade con outros sectores económicos.

Torcuato Teixeira é secretario xeral de Pescagalicia.