«O PSC é intelixente e CiU insúltanos»

Anxo Lugilde ENV. ESPECIAL | BARCELONA

ESPAÑA

JAUME SELLART

O home que semella ter o futuro de Cataluña nas súas mans fala un galego bastante correcto. Carod dí que o novo estatuto será unha etapa cara o estado ceibe

10 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Josep Lluis Carod Rovira (Cambrils 1952), o home de moda en Cataluña, fixo campaña onte no mercado da Boquería, esa maravilla das Ramblas. Abordeino mentras comíamos pa amb tomaquet. «Bos días», dixo. Ata aí todo normal, pero seguiu falando nun galego máis que correcto para un catalán que só viaxou duas veces a Galicia. Dicía «face» no canto de fai, pero me correxiu cando falei de estado libre asociado: «¡É estado ceibe!». Como filólogo estudiou literatura galega na universidade, con Basilio Losada de mestre. A entrevista tiña que ser na língua dos seus admirados Celso Emilio, Manuel María e Neira Vilas. -Pode haber outras chaves, xa que en teoría é posible un goberno similar ó destes anos, de CiU e PP, pois Pujol preferiu pactar con eles. Tamén pode haber unha alianza de esquerdas con nós, un de nós e CiU e outro de CiU e PSC. -¿Sería viable? -CiU e PSC hexemonizaron este país, na Generalitat e nos grandes concellos. Desexan xogar ó tenis eles dous sós. Nós queremos xogar ó futbol cun centro do campo dos catro partidos catalanistas. -Non me resposte á galega. ¿Qué vai facer ERC? -Contéstolle á catalana: Propoñemos un goberno de concentración destas catro forzas, para afronta-lo proceso constituinte do estatuto. -Móllese. ¿Se ten que elexir entre PSC e CiU..? -Dependerá das condicións, das ofertas e das coalicións que se podan formar, pero tampouco ten porque gobernar o partido máis votado. Senón aceptan, iremos á oposición. Alí podemos resistir, pero Maragall non, marcharía, mentras que CiU se escindiría en duas forzas. -¿Quen fai máis méritos neste campaña, Artur ou Pasqual Maragall? -Os socialistas actuan con máis intelixencia mentras CiU nos insulta, pero xa se verá a partir da noite do 16. Non aceptaríamos que CiU pactara co PP en Madrid nin que o PSC faga o que digan Bono, Ibarra e Chaves. -¿O novo estatuto abrirá a porta da independencia? -É necesario porque o que temos xa está vello. É de 1979 e xurdiron moitas cousas desde entón como a UE, as novas tecnoloxías e a inmigración chegada do estranxeiro. Para CiU o novo estatuto é un fin, para nós, unha etapa nun tour que ten como meta ser un estado ceibe asociado na UE. -Como Ibarretxe. -O primeiro que falou de estado ceibe asociado fun eu, nunha conferencia en Tarrasa con Xosé Manuel Beiras, en 1993. Vexo con satisfacción a proposta do lendakari, que permitirá supera-la violencia de ETA e a belixerencia do PP co seguidismo do PSOE. -¿Convocaría un referéndum sin permiso de Madrid? -Faremos un proceso participativo, con tódolos axentes sociais e logo levaremo-lo proxecto ás Cortes Xerais. Se din que si, fantástico. Senón, serán eles os que provocarán o conflicto. -Vostede pide un novo modelo de financiamento que pode ser lesivo para Galicia, que precisa solidaridade. -Queremos un modelo xusto para a sociedade catalana, que da moito máis do que recibe, cun déficit fiscal moi negativo para o noso desenrolo. -Vostede quere unha Cataluña independente. ¿Que ocurriría cos 85.282 cataláns nados en Galicia? -O primeiro deputado que falou galego no Parlamento catalán fun eu, cando compareceron os centros de emigrantes. Eles son cataláns con plenos dereitos e non haberá ninguna discriminación porque tamén sexan galegos. -¿Esquerra Repúblicana é homologable ó BNG? -Temos moitos puntos en común, pero tamén diferencias como as hai entre os dous países. Estamos xuntos na Alianza Ceibe Europea. -O BNG se aliou con CiU. -Firmou a Declaración de Barcelona con CiU e PNV, si. Por parte de CiU firmou Pere Esteve que agora está con nós. Foi unha estratexia comprensible e intelixente do BNG para situarse institucionalmente. Eles saben que CiU é aliada do PP. -Recíteme algo en galego. -Do gran poeta Celso Emilio Fereiro: Língua proletaria do meu pobo. Eu faloa porque si, porque me gusta, porque me peta.