Entre as expresións virais anda lixeiro este termo da «Perla» de Rosalía... Ti es ti ou es outro? Esta é a cuestión
06 feb 2026 . Actualizado a las 11:46 h.Custoume entender (coma as integrais en Matemáticas e as rimas asonantes) iso que di Rosalía en La perla, que non marcha do top de Los 40 Principales nin da cabeza das miñas varias eus. Eu son outro, dixo Rimbaud. Eu tamén! De pequena, o meu amigo medio invisible confundíame moitas veces con el, sobre todo polas tardes. Eu era a sombra dese álter ego meu estilo Shin-chan facendo os deberes e gardando as formas no mundo «real» dos seres adultos. Puro teatro. É moito mellor, sempre, a imaxinación. Precisamos, tantas veces, ser outros para aturar a cousa real... Non?
Vendo o videoclip de La perla despistáronme os cans saltando onda a Rosalía «astronauta». Por iso supoño que pensei que doppelgänger era un animal de raza perigosa. Preguntei na casa que era tal cousa e a miña adolescente dixo esvarando pola atención: «Psaaa, non sei, será un avatar ou un dobre». Pois parece que no TikTok ata se aprende alemán...
O termo que desdobra a identidade dunha persoa, ou que lle pon nome á situación, disque vén da lingua na que todo soa máis compacto, preciso, puntual, eficaz. Hai varios sentidos para a expresión, segundo o uso, como en todo. Se es un «red flag andante» e un «terrorista emocional» ou «o maior desastre mundial», pois doppelgänger debe de ser ese lado escuro que ten quen máis quen menos, pero que reprimen polo ben común os que máis, por non ir metendo medo por aí. Un doppelgänger é Mr. Hyde respecto ao doutor Jekyll, nese estraño caso convertido en novela maxistral de terror por Robert Louis Stevenson. Tamén hai quen ve en Frankenstein o xemelgo sinistro do doutor que o creou e o puxo a funcionar. Pero para min, o doppelgänger number one é Dorian Gray, o tipo irresistible por fóra que fai un trato co demo para non envellecer nunca, é só o seu retrato di a verdade do que é, a verdade da súa idade e as súas perversións. Dorian é un cadro espantoso de tío! Non esquezo esta gran novela de Oscar Wilde como un calafrío, descubrir a mentira que pode ser a beleza, e a arte como boca da verdade. Dorian Gray é o impostor que mola nas redes sociais. Só a señora arte sabe trazo a trazo quen é.
O doppelgänger pode ser simplemente un dobre, alguén sen parentesco pero igual a nós que vive en Alaska ou na Laracha, digo eu. A min adoitan confundirme cunha tal María. O outro día no bus un antigo compañeiro de BUP díxome: «Ai, es ti! Pensei que eras outra, unha veciña tola».
E o meu doppelgänger ladrou. E tirou de min para baixar do bus.