Busca noticias que coincidan cos seus dereitos
19 nov 2014 . Actualizado a las 12:51 h.A intención é clara no noso modo de proceder: unir os temas coas noticias, dándolles actualidade e vendo ata que punto non se quedan en documentos, que soan ben, pero non se sabe se chegan á vida de cada día. As actividades céntranse en buscar noticias do día, onde cada un deses dez dereitos do neno se cumpren ou se esquecen. E ti busca outras noticias e empálmaas con cada dereito. Contacto imprescindible: busca na páxina www.lavozdegalicia.es o buscador situado no recuncho superior da dereita, escribe alí o título de cada noticia. Lea enteiriña e comprobarás se o dereito toca terra ou se queda no aire. Tamén podes consultar o servizo de Hemeroteca.
D1. DEREITO Á IGUALDADE, SEN DISTINCIÓN DE RAZA, RELIXIÓN OU NACIONALIDADE
(La Voz, 19/11/2013) A iniciativa Paraugas da Igualdade chegou a 165 nenos de Monforte. Os estudantes decoraron outros tantos paraugas de tea branca con lemas e debuxos alusivos á defensa da igualdade. Os nenos documentáronse previamente sobre aspectos relacionados cos estereotipos de xénero e a necesidade de erradicar as desigualdades sociais, laborais e educativas por razón de xénero.
D2. A PROTECCIÓN ESPECIAL PARA O DESENVOLVEMENTO FÍSICO, MENTAL E SOCIAL DO NENO
(La Voz, 23/3/2004) Entre o 5 e o 10 % dos nenos teñen problemas de desenvolvemento. Deles, un 3% presentan patoloxías claras e evidentes, segundo
afirma o psicólogo José Carlos Cárdama. Os problemas de desenvolvemento dos nenos débense abordar de forma integral, cousa que non ocorre nestes momentos en Galicia por falta de desenvolvemento da Lei de atención temperá e de centros públicos integrais. A metade dos nenos que teñen problema
de rendemento escolar son nenos que naceron con baixo peso ou antes de tempo.
D3. A UN NOME E A UNHA NACIONALIDADE DESDE O SEU NACEMENTO
(La Voz, 19/8/2014) «Loitei toda a miña vida, sempre pensando en Galicia, a miña patria». Moitos fillos e netos de galegos, entre os que me inclúo, teñen a dobre nacionalidade, falan galego... Era moi duro, pero espero de todo corazón que aquí se poida recuperar a todos estes nenos e familias sen traballo, porque de verdade o digo: non hai cousa máis bonita que a patria dun.
D4. Á ALIMENTACIÓN, VIVENDA E ATENCIÓN MÉDICA ADECUADAS
(La Voz, 13/3/2014) Aumentan os casos de nenos que non almorzan ou non levan merenda ao colexio. A crise económica empobrece a alimentación dos
escolares. Tamén entidades como a pontevedresa Amigos de Galicia están en permanente contacto con centros educativos galegos para repartir alimentos entre aquelas familias que se atopan en situacións máis extremas ou que os nenos teñen problemas de alimentación.
D5. Á EDUCACIÓN E TRATAMENTO ESPECIAL PARA NENOS CON DISCAPACIDADE MENTAL OU FÍSICA
(La Voz, 9/9/2014) Carballo acollerá a partir de outubro un centro de atención para nenos con deficiencias. O goberno local de Carballo aprobou onte a cesión dun local no antigo ambulatorio para a apertura dun centro de atención de nenos menores de seis anos con deficiencias ou risco de padecelas. As autoridades locais accederon á solicitude da AGAT por tratarse dun servizo público que garante a atención asistencial a nenos con discapacidade ou en risco de padecela, e aos seus familiares.
D6. Á COMPRENSIÓN E AO AMOR DOS PAIS E DA SOCIEDADE
(La Voz, 29/9/2013) «Teño tres nenos biolóxicos e dous en acollida. A miña familia é unha festa». Afortunadamente apareceron Pilar e Benito para acollela nese longo e reparador abrazo que é un fogar. «¿Que é mellor, que os nenos como María vivan nun centro de menores ou que crezan rodeados da normalidade e do cariño que pode ofrecer unha familia? A familia decide que tipo de nenos está disposto a acoller e en todo momento pode renunciar ao acollemento. Se se dá a oportunidade, favorécese sempre a relación coa familia biolóxica.
D7. A UNHA EDUCACIÓN GRATUÍTA. A DIVERTIRSE E A XOGAR
(La Voz, 31/8/2014) Malpica: exposición A educación, camiño de futuro. Organizada pola oenegué Educo. A través de seis torres de cubos con imaxes e mensaxes a mostra intenta chamar a atención do visitante sobre a situación actual do ensino en diversos países do mundo.
D8. A ESTAR ENTRE OS PRIMEIROS EN RECIBIR AXUDA EN CASO DE PERIGO
(La Voz, 6/6/2014) «Había un incendio e púxenme a chorar». O final feliz co que se pechou onte o incendio dun bus escolar en Rubiáns ten nomes propios, o do condutor do autobús que foi consciente do perigo e parou o coche a tempo, catro profesores que evacuaron a cincuenta nenos de tan só 3 e 4 anos e o dunha trintena de veciños de Rubiáns: «Eu estaba collendo a froita na horta e vin o autobús arder», dicía unha señora que saíra de casa cos vasos de Nocilla e as galletas para tranquilizar aos nenos.
D9. Á PROTECCIÓN CONTRA CALQUERA FORMA DE ABANDONO, CRUELDADE E EXPLOTACIÓN
(La Voz, 12/9/2014) Xustiza dá o primeiro paso de protección para os menores en Internet. O Goberno deu hoxe o primeiro paso cara ao futuro establecemento dun marco normativo que regule a protección dos menores en Internet, fronte ao ciberacoso, a suplantación de identidade, e o envío de mensaxes ou fotos sexualmente explícitas a través de teléfono móbil, coñecido como sexting e o grooming.
D10. Á EDUCACIÓN NA SOLIDARIEDADE, A AMIZADE E A XUSTIZA ENTRE TODOS
(La Voz, 27/8/2014) O aniversario máis solidario de Iván. Un neno de Tomiño pediu aos seus amigos que, no canto de agasallos, lle desen alimentos para entregarllos a outros menores necesitados. Acaba de doar 61 quilos. O entusiasmo de Iván coa súa tenda evidencia o resultado a curto prazo, pero tamén senta as bases dunha solidariedade que crecerá con el. A súa iniciativa é unha clase de educación en valores, para todas as idades.