Catro grandes viaxeiras

La Voz

ESCUELA

08 oct 2014 . Actualizado a las 11:52 h.

Estas son catro das grandes viaxeiras que podes ver no outono, algunha delas con moita sorte, se te achegas aos principais cabos galegos coincidindo con ventos adecuados. Recorda que as vas contemplar de lonxe, e que por iso as verás pequenas, incluso cos prismáticos ou o telescopio. A maioría prefiren, se poden, voar lonxe da costa, polo que incluso cando se achegan a ela adoitan manterse a certa distancia.

PALLEIRA POMARINA

Cría na tundra siberiana, nesas paisaxes abatidas, frías e sen árbores onde de cando en vez se desenterran exemplares conxelados de mamuts. E é que a poucos centímetros do seu niño, baixo o chan, a terra permanece xeada todo o ano. Alí aliméntanse de lemmings, pequenos roedores parecidos aos hámsteres. Unha vez os seus pitos se emancipan, desde metade do verán, comezan a abandonar esas rexións, nas que o inverno chega case de inmediato, e voan cara aquí rumbo ás costas occidentais de África. Alí é onde quedan ata que regresa a primavera, comendo peixe. Como outras palleiras, non dubidan se poden en roubarllo a outras aves. Adoitan voar en solitario ou en grupos de moi poucos exemplares. Caracterízanse por esa cola tan rechamante, en forma de longa culler.

CARRÁN ÁRTICO

É unha das aves máis viaxeiras que existen. A ciencia non deixa de sorprendernos con novos descubrimentos acerca dos seus incribles desprazamentos. Varios foron equipados con pequenos instrumentos que permiten aos investigadores coñecer exactamente as súas rutas. Chámanse xeolocalizadores, e van adheridos a pequenas argolas de metal que se lles colocan nunha pata. Ata hai pouco se sabía que os que crían en lugares como Grenlandia ou Escandinavia ían invernar á Antártida. Hoxe coñecemos algo máis grazas a esta tecnoloxía. Ao terminar a cría no verán, os que a fan en Holanda diríxense ao norte das illas Azores, onde permanecen un tempo. Logo comezan a voar cara ao sur, e se o vento sopra forte do oeste achéganse a Galicia e Portugal. Aos poucos descenden fronte a África, ata dobrar o cabo de Boa Esperanza, en Sudáfrica, e internarse no océano Índico. Acoden entón ata Nova Zelandia, e só desde alí diríxense á Antártida. A viaxe de volta fano fronte ás costas de Sudamérica e atravesando logo o océano Atlántico de regreso a Europa.

PARDELA ESCURA

É probable que necesites buscar nun mapa onde se atopan as súas colonias de cría máis próximas. Son illas situadas en metade do Atlántico sur, e chamadas Tristán de Acuña e Malvinas, a máis de 11.000 quilómetros de Galicia. É dicir, no outro hemisferio, esa metade do planeta na que empeza a primavera cando aquí chega o outono. É por iso que, ao contrario que as outras aves, esta pardela diríxese nestas datas ao lugar onde revisará o seu niño, que adoita ser o mesmo ano tras ano, e ter unha nova familia. Nesta viaxe coincide con outras dúas especies que pasan fronte á nosa costa, pero sen achegarse apenas a distancia visible: a pardela xoubeira e o paíño de Wilson. Este último, tan pequeno como un merlo, fai o seu niño no mesmísimo continente antártico. As pardelas escuras son moi escuras, case negras, e trazan vistosos e altos arcos sobre as ondas mentres viaxan cara ao sur.

GAIVOTA DE SABINE

É outra desas especies que non adoita achegarse á costa, e con todo é moi abundante no outono mar dentro fronte a Galicia. Para vela hai que subir a un barco e navegar varias millas mar dentro, ou ter moita sorte mentres miras o océano desde un cabo. Para moitos ornitólogos é a gaivota máis bonita que existe. Provén do norte de Canadá, do mesmo lugar no que viven osos polares ou caribús. Debe o seu nome a un dos máis famosos exploradores do Ártico, o británico Edward Sabine. Cando acaba a súa cría, voa cara ao sur de Grenlandia, e desde alí cara a esta zona de Europa, entre Irlanda e Portugal, onde permanece de agosto a outubro. Entón reemprende a súa ruta rumbo ao sur de África.